Rexeneración da Ría de Cedeira coa semente de 3.000 unidades de ourizo de mar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O proxecto ten por finalidade recuperar a biodiversidade e os ecosistemas naturais, aumentar a densidade e o stock desta especie, ademais da repoboación e conservación dos bancos ouriceiros, co fin de mellorar a xestión da explotación deste recurso.

Dende o labor investigador do CIMA, a Administración autonómica tamén desenvolveu dous proxectos destinados a avaliar a produción de xuvenís en catividade, así como a mellora da xestión das pesquerías e garantir a supervivencia desta especie.

A Xunta de Galicia contribúe a rexenerar a Ría de Cedeira coa semente de 3.000 unidades de ourizo. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado da delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou este xoves estes traballos que teñen por finalidade recuperar a biodiversidade e os ecosistemas naturais, aumentar a densidade e o stock desta especie, e a repoboación e conservación dos bancos ouriceiros, co fin de mellorar a xestión da explotación deste recurso.

Esta iniciativa da Confraría de Pescadores está financiada ao abeiro das axudas da Consellería do Mar para proxectos colectivos para a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante medidas de conservación no marco de actividades marisqueiras sustentables. Nesta liña, o titular de Mar puxo en valor que a Xunta destinou a estes apoios 1,9 millóns de euros que permitiron afondar, da man do sector, na sostibilidade dos recursos mariños da comunidade, imprescindibles para garantir o futuro dun sector estratéxico para Galicia.

O proxecto recolle entre as súas actividades a mostraxe, comprobación e búsqueda das zonas máis axeitadas para a introdución de exemplares, o acondicionamento destes lugares, de ser preciso, a propia sementeira e o seguimento posterior do estado do recurso. O ourizo é unha das especies que máis interese internacional está a espertar. Ademais, é de interese local con fins de repoboación. Para iso é importante que os xuvenís poidan asentarse ben no medio natural. En 2024 nas lonxas de Galicia vendéronse máis de 542.000 quilos de ourizo, alcanzando un valor no mercado que roldou os 6,9 millóns de euros. 

Labor investigadora

Con esta iniciativa, a Consellería do Mar afonda na repoboación e rexeneración das rías galegas. Un traballo que tamén se impulsa a través do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA). Proba delo, son os dous proxectos investigadores levados a cabo nesta materia.

Trátase de Xumarou, destinado á produción de xuvenís de ourizo de mar en catividade, e de Ourimar, dirixido á mellora da xestión das pesquerías e á avaliación da repoboación desta especie pertencente ao grupo dos equinodermos. No primeiro caso, perséguese definir un protocolo de cultivo larvario que maximice a porcentaxe de supervivencia das larvas de ourizo de mar ata a fase de fixación, e optimizar o período de preengorda de xuvenís empregando diferentes sistemas para acurtar o tempo que precisan antes do seu traslado ao medio natural. No segundo, abórdase a caracterización das poboacións na zona submareal e intermareal da Reserva de Interese Mariño Os Miñarzos, así como o deseño dun sistema de rexistro de capturas in situ que transmita a posición das capturas en tempo real e permita manexar información de maior calidade.

15 de maio de 2025 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.