O Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias de Ribadeo recibe máis de 100.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, realizou esta tarde unha visita ao Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias, onde se acaban de acometer obras de mellora e mantemento na residencia de estudantes do centro cun investimento de algo máis de 104.000 euros.

A conselleira explicou que a actuación ten como obxectivo mellorar a experiencia dos estudantes a partir do vindeiro curso académico 2025-2026 cun espazo que ofrecerá un total de 21 prazas de aloxamento, distribuídas en 10 habitacións dobre e unha individual.

Os investimentos realizados nas obras de acondicionamento destas instalacións ascende máis de 31.000 euros, aos que lle engaden outros 31.100 euros na dotación de mobiliario e case 1.200 euros na roupa de cama. A maiores, e como complemento á remodelación integral da residencia de estudantes, tamén se procedeu á renovación dos aparellos da lavandería, cun investimento de preto de 19.000 euros, e cociña, cuxas dotacións e equipamentos tamén se melloraron e para os que se destinaron algo máis de 22.500 euros.

A residencia ocupa unha superficie de máis de 500 metros cadrados, distribuídos en planta baixa e dúas en altura. Na planta baixa do edificio localízanse un espazo de lecer e un comedor, mentres que nas restantes se sitúan as habitacións. No primeiro andar atópanse seis dobres e unha individual, xunto cos baños completos compartidos; e no segundo atópanse outras catro habitacións dobres.

Importancia da formación regrada

María José Gómez explicou que o Pedro Murias é un dos seis CFEA que hai espallados pola comunidade, cuxas instalacións contribúen á formación cualificada dos profesionais do sector agrario, gandeiro e forestal. Gómez asegurou que estes centros “xogan un papel fundamental” na formación, innovación e transferencia de coñecemento e a xeración de oportunidades no sector primario galego.

Así, salientou que renovar e actualizar as súas infraestruturas “é crucial para poder garantir unha formación e innovación de calidade feita en Galicia”. Asemade, sinalou que o fomento deste tipo de actuacións no rural contribúe a favorecer a remuda xeracional, fixar poboación no rural e garantir mellores condicións de vida ás persoas que habitan nel.

As accións de formación e investigación desenvolvidas neste centro axudan de maneira decisiva ao desenvolvemento sostible do rural galego, e contribúen a consolidar un sector primario competitivo, innovador e comprometido co territorio.

12 de maio de 2025 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.