O Carné+65 ofrece vantaxes ás persoas maiores en hostalería e restauración
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta tarde un establecemento hoteleiro adherido ao Carné+65, unha iniciativa da Xunta para ofrecer facilidades aos maiores galegos que inclúe descontos e acceso a servizos culturais, de ocio ou sanitarios. No acto, fixo entrega a Adrián Varela, xerente do Hotel Boutique 1930, do distintivo deseñado pola Xunta para acreditar aos establecementos que se atopan adheridos a esta iniciativa.
O Carné+65, que é 100% gratuíto, abrangue 700 establecementos espallados por toda a xeografía galega, se ben a previsión é que esta cifra podería ampliarse ata os 1.000 ao longo deste ano. Nestes momentos, xa son máis de 600.000 persoas as que contan coa tarxeta e poden desfrutar dos beneficios incluídos.
Entre as posibilidades que ofrece o carné atópanse descontos directos de ata o 30%, beneficios especiais en numerosas actividades e vantaxes nunha ampla variedade de servizos e establecementos turísticos, comerciais e de ocio de Galicia. Neste caso en concreto, a conselleira destacou que o 1930 Hotel Boutique, que fará un 10% de desconto aos usuarios do carné, é un claro exemplo dun establecemento cultural e turístico ao situarse en pleno Camiño de Santiago.
Toda esta información está recollida na páxina web da iniciativa, na que os beneficiarios poden consultar toda a relación de establecementos onde poden desfrutar das vantaxes que lles ofrece o carné.











