Fabiola García reafirma o compromiso da Xunta na inclusión do pobo xitano e na loita contra a súa discriminación
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo un encontro coa Fundación Secretariado Gitano para seguir avaliando as demandas do colectivo e trazando vías de colaboración. Durante a xuntanza, trasladoulles o compromiso da Xunta de Galicia para seguir combatendo a discriminación contra o pobo xitano.
Nesta liña, Fabiola García destacou que Galicia foi a primeira comunidade en contar cunha Estratexia de inclusión social da poboación xitana e lembrou que este documento, que foi renovado o pasado mes de marzo ata o 2030, establece as bases para combater o antixitanismo e calquera discriminación contra este colectivo.
A conselleira tamén agradeceu o labor que desenvolve esta entidade para impulsar a integración da poboación xitana en Galicia a través de iniciativas específicas para avanzar en eidos como a formación laboral, que son claves para a plena inclusión deste colectivo.











