Cursos de lingua e cultura para persoas procedentes de fóra de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

A proposta enmárcase no paquete de medidas deseñadas para o impulso do galego ao abeiro do Pacto pola Lingua.

Con 20 horas de duración, esta formación pretende achegar á cidadanía proveniente do exterior tanto gramática básica como contidos culturais e históricos.

As clases organízanse coa colaboración de Cáritas e estarán dispoñibles nos vindeiros días.

A Xunta porá en marcha nas vindeiras semanas os cursos destinados a impulsar o coñecemento e emprego do galego entre as persoas procedentes de fóra de Galicia, un dos grupos de poboación nos que incide o paquete de medidas elaborado ao abeiro do Pacto pola Lingua co obxectivo de incentivar o uso social do idioma.

Así, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofertará nos vindeiros días esta formación en colaboración con Cáritas, de maneira que todas aquelas persoas provenientes do exterior e asentadas na Comunidade que o desexen poderán acceder a cursos presenciais de 20 horas de duración que lle permitirán achegarse tanto á lingua como á cultura galega.

Coa posta en marcha destas clases, desde o Goberno galego preténdese fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectiva no territorio no que conviven as persoas participantes. Deste xeito, tamén se procura sumar máis galegofalantes, unha vez analizada a nova realidade demográfica de Galicia, coa chegada nos últimos cinco anos de 115.000 persoas non nadas na Comunidade e que, polo tanto, están a incrementar os usos monolingües en castelán ou noutros idiomas.

Esta iniciativa súmase a outros cursos que poñen o foco en ámbitos e sectores profesionais en concreto como son os que están xa en marcha para o persoal da Administración de da Xustiza. Tamén se están a desenvolver cursos preparatorios para afrontar os exames Celga, as probas de certificación do coñecemento da lingua galega.

Contido da formación

Os contidos do Curso de Introdución á lingua e á cultura galegas están divididos en cinco unidades didácticas, deseñadas polo persoal técnico da Secretaría Xeral da Lingua, nas que se aborda desde o vocabulario, a fonética ou a ortografía a outros recursos de carácter cultural e histórico que axuden aos participantes a situarse no contexto social da Comunidade, mellorando así a súa comprensión do idioma para a comunicación na vida cotiá.

As materias inciden así desde a aprendizaxe do alfabeto galego, dos números ou dos artigos, ata o coñecemento dos pronomes ou dos adverbios, así como da conxugación verbal, o xénero dos substantivos e adxectivos ou as normas de acentuación.

Todo isto complétase con leccións de léxico específico que teñen que ver con distintas cuestións como os estados de ánimo, o corpo humano, a comida, os días e os meses, a vivenda ou as profesións. Ademais, inclúense os seguintes bloques temáticos sobre distintos ámbitos e costumes: Galicia no mundo, as festas gatronómicas, o clima e a paisaxe, a música e o Camiño de Santiago.

4 de maio de 2025 | 21:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.