As organizacións de persoas con discapacidade coñecen a Lei autonómica de intelixencia artificial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica e a directora xeral de Persoas con Discapacidade mantiveron esta mañá en Santiago un encontro con representantes da plataforma CERMI Galicia.

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, mantiveron esta mañá unha xuntanza con representantes das 13 asociacións integradas na plataforma de entidades de persoas con discapacidade, CERMI Galicia, na que expuxeron a Lei para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia artificial en Galicia.

O máximo responsable da Axencia autonómica lembrou que a lei busca que a aplicación da IA nos servizos públicos beneficie a toda a cidadanía, independentemente das súas circunstancias persoais e socioeconómicas, con medidas para superar as fendas dixitais, especialmente as determinadas por razóns económicas, de idade ou discapacidade.

Por iso, a lei garante os dereitos de transparencia e supervisión humana, igualdade e tutela, e, aséntase, entre outros, en principios de universalidade e accesibilidade que teñen en conta ás persoas en situación de vulnerabilidade, especialmente ás persoas con discapacidade. Así, a lei establece medidas para mitigar resultados discriminatorios ou desviacións no uso de sistemas de IA, e que a información relativa á aplicación desta tecnoloxía sexa clara e accesible para calquera grupo vulnerable.

Os representantes de CERMI Galicia, encabezados polo seu presidente, Ramón Sestayo, expuxeron os retos que a aplicación da Intelixencia artificial supón para as persoas con discapacidade e o director da Amtega comprometeuse a facer partícipe ao colectivo nos procesos de implantación desta tecnoloxía na Administración. Finalmente, un portavoz da plataforma leu o manifesto Por unha intelixencia artificial ética e respectuosa cos dereitos fundamentais das persoas con discapacidade, que publicou CERMI Galicia con motivo do Día Nacional en España da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.

16 de maio de 2025 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.