A Xunta presenta este luns o primeiro rexistro galego de familias monoparentais
A Xunta de Galicia celebrou esta mañá o acto institucional con motivo do Día Internacional das Familias, unha data que se conmemora desde hai tres décadas e na que o Executivo galego quixo lembrar a importancia de todas as familias no desenvolvemento social e na protección da Infancia. Un encontro, no que ademais, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, deixou claro que van seguir reforzando o apoio ás familias e avanzou novidades, como a creación do primeiro rexistro galego de familias monoparentais.
Fabiola García lembrou que “a familia é o primeiro espazo no que aprendemos a amar, convivir, respectar e coidar” e no que non importan as características, porque – recalcou- non hai un modelo único. Por iso mesmo, agradeceu o labor que desenvolven as entidades sociais que traballan cada día para dar visibilidade a esta realidade e por contar, unha vez máis, as súas experiencias neste encontro, no que participaron: Carmen Dourado, de Acougo; Inma Alonso, de Fagamos; Luís Sánchez, de Agafan e, Maia García, de Agat.
Este encontro serviu para poñer de manifesto os avances acadados nos últimos anos no recoñecemento aos diferentes modelos de familia e que permitiu reforzar o apoio institucional. Por iso mesmo, avanzou que mañá a Xunta someterá a exposición pública o primeiro rexistro de familias monoparentais e que permitirá, segundo a conselleira, reforzar a súa protección e facilitar a solicitude do certificado.
Neste sentido, lembrou que Galicia foi unha das primeiras comunidades en establecer un marco xurídico para este modelo familiar, que se reforzou no 2021 coa Lei de impulso demográfico ata acadar un certificado oficial. Aínda así, Fabiola García insistiu na necesidade de contar cunha normativa estatal que as recoñeza en todo o Estado por igual, “un texto bloqueado neste momento no Congreso dos Deputados”.
Reforzo das achegas
Ademais, a conselleira de Política Social e Igualdade recordou que o Executivo autonómico acaba de incrementar neste mes de maio as achegas destinadas ás familias acolledoras, porque grazas a súa solidariedade moitos nenos e nenas poden medrar nun fogar. Neste sentido, sinalou que “sen elas, Galicia non podería ser a segunda comunidade coas mellores cifras de acollemento”.
Fabiola García tamén se referiu ás familias numerosas, que aumentan cada ano e que supón un piar fundamental no incremento da natalidade. Ao respecto, celebrou que por primeira vez Galicia superou a barreira das 30.000 familias numerosas, unha cifra que “nos impulsa a seguir traballando xuntos nesta senda”.
Vantaxes na declaración da renda
A conselleira lembrou as vantaxes na declaración da renda para as familias galegas con dous ou máis fillos. Os fogares con dous fillos poden aplicarse unha dedución fiscal de 250 euros e para aqueles con tres fillos a rebaixa é de 500 euros. Así mesmo, a partir do cuarto fillo poden sumar un desconto de 250 euros por cada un.
Nesta celebración, a conselleira fixo especial mención ás familias con nenos e nenas que sofren problemas de desenvolvemento e polo que é preciso, salientou, seguir poñendo en marcha recursos específicos de atención e asesoramento. Nestes momentos, Galicia conta con 51 unidades de atención temperá que dan servizo a unhas 5.000 familias de máis de 200 concellos, mentres que no 2009 só había dous recursos en toda a comunidade destas características.











