Rueda pon en valor o reforzo da Xunta á atención dos animais abandonados triplicando o apoio a protectoras, concellos e particulares para o seu coidado e adopción

O presidente galego na visita á protectora
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Goberno autonómico reforza o seu compromiso co benestar animal ao triplicar este ano o orzamento destinado a axudas para apoiar a concellos, protectoras e particulares no coidado de animais domésticos abandonados e fomentar a súa adopción. “A saúde e calidade dunha sociedade tamén se mide en certas actitudes coma o trato que se da aos animais de compañía”, indicou.
Durante unha visita á protectora de animais de Vilagarcía de Arousa, acompañado da conselleira de Medio Ambiente e Cambio climático, Ángeles Vázquez, Rueda fixo fincapé en que “hai moitos animais abandonados que buscan un fogar” e que mentres non o atopan “teñen que ter o trato que merecen en centros coma este”.
Para apoiar tanto a concellos coma protectoras ou particulares, a Xunta reserva neste exercicio 1,4 millóns de euros a tres liñas de axudas distintas que poderán solicitarse ata o vindeiro mes de setembro.
Por unha parte, o Goberno autonómico destina 850.000 € a apoiar aos concellos que acollen animais abandonados ou xestionan as colonias felinas nos seus territorios para facer fronte aos gastos de identificación mediante microchip, esterilización cirúrxica, vacinación, alimentación ou desparasitación, entre outros.
Outros 480.000 € van dirixidos a entidades protectoras que xestionen algún centro de acollida de animais autorizado na comunidade para financiar os gastos de funcionamento ou a adquisición de material necesario para a súa actividade como poden ser remolques, equipamentos veterinarios ou recursos informáticos.
Ademais, a Xunta ofrece por segundo ano consecutivo achegas de ata 150 euros a aqueles particulares que decidan adoptar un animal de compañía abandonado para axudalos cos primeiros gastos veterinarios ou de identificación.
Galicia reforza así o compromiso no coidado dos animais de compañía dando pasos na liña da Lei de benestar animal, unha normativa pioneira aprobada polo Executivo autonómico en 2017 e que busca garantir a súa protección.
Nesta liña, a Xunta vai poñer en marcha o primeiro centro autonómico de acollida de animais de compañía abandonados e que, tal e como lembrou Rueda, o Goberno autonómico xa traballa para crear, en colaboración cos concellos, parques caninos nas sete cidades galegas. O presidente resaltou que se trata dun compromiso “para esta lexislatura” e avanzou que “xa case está pechada a ubicación en Ferrol” e “moi avanzadas” as xestións no caso de Lugo e Pontevedra.











