publicidade hoxe

Medio Ambiente impulsa un proxecto pioneiro para estudar o impacto nos encoros da presión humana e mellorar a calidade das súas augas con técnicas innovadoras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaProvincias
A-
A+

Sinatura do convenio

A Xunta impulsará este ano un proxecto pioneiro para o estudo do impacto que teñen sobre a calidade da auga encorada a contaminación e a presión ligada a diferentes tipos de actividades desenvolvidas nas contornas fluviais e que acaban repercutindo na saúde ambiental de ríos, encoros e ecosistemas asociados.

Con tal fin, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o reitor da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para crear un grupo de traballo entre Augas de Galicia e investigadores universitarios que afonde nos efectos da acción humana sobre as bacías dos embalses e permita, á vez, planificar a futuro medidas que redunden na súa mellora ambiental.

Cun orzamento de 421.233 euros —o 93% será achegado por Augas e o 7% pola UVigo—, o estudo centrarase no ámbito de tres bacías piloto, Caldas de Reis, As Forcadas (Valdoviño) e Portodemouros (Arzúa-Vila de Cruces), seleccionadas por ser representativas das tipoloxías de embalses que hai en Galicia-Costa e coa intención de fixar unha nova metodoloxía de planificación aplicable a outros dentro da mesma conca.

En primeiro lugar, tal e como recolle o convenio, realizarase unha avaliación da situación actual nas concas hidrográficas escollidas, o que permitirá establecer as primeiras conclusións sobre o estado dos ecosistemas e das presións que puideran estar a agravar a súa situación ambiental. Estudiaranse tamén as dinámicas químicas e biolóxicas destas zonas ao longo do tempo, para comprender mellor os impactos da contaminación e desenvolver un modelo matemático que prediga os efectos das distintas presións sobre a calidade da auga, fundamentalmente nos nutrientes.

Cos datos recollidos ao longo de 2025 realizarase unha primeira versión do algoritmo que permitirá predicir os impactos sobre a calidade da auga, e xa no primeiro semestre de 2026 este modelo matemático perfeccionarase cos datos restantes.

A fase final dos traballos (que se estenderán ata o 30 de xullo do ano que vén) consistirá en analizar a resposta dos tres encoros ante a presencia de diferentes cantidades de nutrientes e no desenvolvemento de experimentos de biorremediación sobre o terreo.

En concreto, un exemplo práctico desta técnica é a plantación de vexetación de ribeira para mellorar a calidade da auga en ríos e encoros xa que os arbustos e árbores autóctonas actúan como filtros naturais pola súa capacidade para absorber o exceso de nutrientes procedente de diversas fontes. Ademais, diminúen a cantidade de sedimentos que se desprazan cara á auga e as súas raíces estabilizan o solo e reducen a erosión.

Os encoros, bos indicadores da saúde dos ríos

O impacto nas bacías hidrográficas da contaminación por fontes difusas —é dicir, aquela procedente de varios puntos pequenos e dispersos e, polo tanto, máis difícil de controlar— afecta á calidade da auga, provocando unha eutrofización que pode levar á diminución do oxíxeno e á proliferación de algas nocivas para a biodiversidade. Esta situación non só ameaza especies que dependen destes ecosistemas, senón que compromete a dispoñibilidade dos recursos hídricos da zona afectada.

No caso das bacías reguladas por encoros, estes, ao acumular auga no seu interior, adoitan ser un bo indicador a medio prazo da presenza e dos efectos deste tipo de contaminación difusa. Neste sentido, cómpre subliñar que os encoros permiten medir varios parámetros de interese como nutrientes, sedimentos e outros elementos.

A importancia deste proxecto, como explicou Ángeles Vázquez, radica en que por primeira vez no ámbito de Galicia-Costa se estudarán os efectos das actividades económicas e humanas sobre a calidade das augas dos embalses co fin de avaliar a resposta dos ecosistemas ante estas presións e de planificar e implantar as medidas de remediación biolóxica máis eficaces para garantir unha mellora ambiental destas masas.

Ao respecto, incidiu na importancia de seguir avanzando na investigación da man das universidades para protexer os recursos naturais da Comunidade grazas a ferramentas dixitais como a que desenvolverá o novo grupo de traballo. De feito, o convenio asinado hoxe enmárcase na aposta pola profesionalización de Augas de Galicia e financiarase con cargo a fondos europeos do NextGenerationUE para a transición no sector da auga.

11 de marzo de 2025 | 17:09 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario