Martina Aneiros ratifica o apoio as pemes a través das axudas a proxectos de investimento empresarial dotadas de 10 M€

Martina Aneiros na visita ás instalacións de Steelrent
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, ratificou esta mañá o apoio do Goberno galego ás pemes a través da nova convocatoria de axudas a proxectos de investimento empresarial do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) dotada de 10 M€. A responsable autonómica informou destes apoios durante a visita efectuada esta mañá á empresa Steelrent, das Pontes, beneficiaria dunha axuda de 111.750 euros no marco deste programa cofinanciado con fondos Feder.
Durante a visita na que estivo acompañada do alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, Aneiros lembrou que o obxectivo das axudas é o de estimular a posta en marcha de proxectos de investimento empresarial en Galicia coa fin de dinamizar a actividade económica na Comunidade, a través da innovación e da creación e posta en marcha de novas iniciativas de negocio.
Esta convocatoria, dotada de 10 M€ ata 2028, está dirixida a pequenas e medianas empresas para apoiar tanto proxectos de investimento empresarial xerais, caso no que o importe do investimento subvencionables deberá ser igual ou superior a 50.000 euros; como proxectos de investimento en equipamento produtivo -o importe subvencionable deberá ser igual ou superior a 25.000 euros-. En ámbolos dous casos o investimento non poderá superar os 800.000 euros e deberá destinarse á creación dun novo establecemento ou á ampliación da capacidade dos xa existentes.
A delegada territorial valorou o proxecto posto en marcha por Steelrent dedicado á prestación de servizos de alugueiro de maquinaria a terceiros. Concretamente, grazas á achega da Xunta dotáronse dun centro de corte e trade de chapas, dunha liña de pintura automática e dunha máquina de corte por plasma con biselado automático que alugan a terceiros na nave que teñen no polígono de Penapurreira.
Destacou ademais a aposta da empresa por Ferrolterra, unha iniciativa aliñada coas políticas do Goberno galego e o seu compromiso cos proxectos estratéxicos previstos para a zona como os de Reganosa-EDP Renovables e Ence, nas Pontes, ou o de Forestal del Atlántico, en Mugardos.
Este programa de axudas do Igape, cuxo prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 30 de setembro, enmárcase no Plan estratéxico de Galicia 2022-2030 que entre outros obxectivos pretende impulsar a creación de novas empresas, a consolidación e o crecemento das existentes, a súa internacionalización e o fomento do espírito emprendedor na Comunidade autónoma.











