A Xunta pon á disposición dos concellos galegos case 7,5 M€ en axudas para mellorar os servizos de saneamento e abastecemento municipais
A Xunta porá este ano á disposición das entidades locais galegas case 7,5 millóns de euros a través de seis liñas de axudas co obxectivo común de mellorar o funcionamento dos sistemas de abastecemento e de saneamento municipais de augas e ofrecer un mellor servizo á cidadanía neste eido.
Así llo trasladou esta mañá o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, a máis dun cento de representantes municipais de toda a Comunidade que participaron no webinario informativo organizado polo organismo hidráulico para dar a coñecer as diferentes liñas de apoio que convocará este ano para seguir avanzando na súa estratexia de profesionalización da xestión dos recursos hídricos.
En concreto e como principais novidades, explicou que en 2025 se ofrecerán axudas económicas aos concellos para abordar a redacción de plans municipais de abastecemento autónomo. Cun orzamento de 1 millón de euros para esta anualidade e a de 2026, estas subvencións convocaranse en primavera e poderán cubrir ata o 80% do investimento, cun límite de 150.000 euros por axuda.
Tamén será a primeira vez que Augas de Galicia convoque incentivos por case 720.000 euros para fomentar o emprego de sistemas de depuración autónomos. Así, haberá axudas a entidades locais para a instalación de sistemas de saneamento autónomos, como foxas sépticas, en núcleos rurais illados. Neste caso, os importes moveranse entre os 5.000 e os 15.000 euros dependendo do tamaño da poboación e xa foron publicadas o pasado 28 de febreiro, polo que Fernández animou aos participantes no webinario a aproveitar esta oportunidade e presentar as súas solicitudes.
Ademais destas dúas ordes novidosas, explicou tamén que o organismo hidráulico volverá apostar por liñas de apoio que nos últimos anos teñen demostrado a súa efectividade para acadar unha mellora dos sistemas de abastecementos e saneamento.
É o caso dos incentivos económicos aos concellos para realizar auditorías nas súas redes de abastecemento (cun orzamento de 200.000 euros) e de saneamento (500.000 euros). Así, as entidades locais interesadas poderán optar a axudas de ata 15.000 euros para facer auditorías aos seus sistema de traída municipal co fin de elaborar despois plans de actuación para minimizar as perdas; e tamén terán acceso a incentivos de, como máximo, 15.000 euros para realizar un estudo do seu saneamento na busca de posibles infiltracións de augas sen depurar. Ambas ordes publicáronse o 24 de febreiro no DOG.
Así mesmo e para darlle continuidade ao traballo realizado nos concellos que xa contan cunha auditoría sobre as súas redes de abastecemento, Fernández avanzou que en marzo se convocarán, outro ano máis e por 2,5 millóns de euros, axudas para financiar obras que optimicen a súa rede de abastecemento e reduzan ao mínimo as perdas de auga. A contía máxima será de 45.000 euros e poderá cubrir o 100% dos investimentos.
De igual xeito, as entidades locais con proxectos para mellorar o funcionamento da súa rede de saneamento tamén poderán acollerse en 2025 a subvencións para executar obras que reduzan as infiltracións de augas brancas (augas limpas naturais que se infiltran á rede e hai que depurar) e que, por conseguinte, incrementen a calidade e eficacia de todo o sistema. O orzamento desta orde, de carácter bianual e convocada xa en febreiro, ascende a 2,5 millóns, cun importe de ata 45.000 euros por achega.
8,5 M€ nas convocatorias de 2025
De forma complementaria, Augas de Galicia tamén convocou este ano, cun orzamento de 500.000 euros, axudas dirixidas ás comunidades de usuarios que xestionan as súas propias traídas de auga. Así mesmo, segue apostando pola educación ambiental a través dunha nova convocatoria de subvencións (publicada o 24 de febreiro por 200.000 euros) dirixida a entidades sen ánimo de lucro con proxectos e actividades para o coidado dos recursos hídricos; e tamén convocou a semana pasada novos incentivos a particulares para instalar foxas sépticas en vivendas (ata 4.000 euros por solicitude).
En total, serán nove ordes de axudas de Augas de Galicia, que suman un orzamento de máis de 8,5 millóns de euros, dirixidas maioritariamente a concellos pero tamén a comunidades de traídas veciñais e no último caso citado, a propietarios particulares.











