A Xunta impulsará o Bono Activa Comercio cun crédito inicial de 5 M€ e simplificará os trámites para a adhesión dos establecementos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, explicou hoxe que a Xunta impulsará este ano de xeito coordinado co sector o Bono Activa Comercio cun crédito inicial de 5 millóns de euros. Neste sentido, anunciou que como novidade este ano o Goberno galego fará unha única convocatoria para que os establecementos que se queiran adherir o poidan facer unha única vez para as distintas edicións do mesmo ano, continuando a liña de simplificación administrativa marcada polo Executivo autónomico.

Así o manifestou na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo en resposta a unha pregunta relacionada con esta iniciativa na que tamén fixo balance das campañas do Bono Activa Comercio do ano 2024, poñendo en valor o compromiso da Xunta de Galicia co comercio de proximidade.

Deste xeito, o director xeral subliñou o bos datos obtidos na pasada edición —que se dividiu en dúas convocatorias nos meses de maio e novembro— ­­­­­­­­, destacando que a de novembro ­­­­­­­­­­­­foi ampliada en decembro polo éxito acadado, mobilizándose máis de 11M€ en compras e descontos no comercio local só nas primeiras 48 horas.

Gabriel Alén destacou que o ano pasado o Goberno galego destinou a esta iniciativa 7,5M€ en descontos a través de 600.000 transaccións comerciais, que no conxunto das 4 provincias galegas mobilizaron preto de 24M€ nos máis de 7.500 comercios adheridos a esta iniciativa.

Compromiso co comercio de proximidade

Ademais, o director xeral lembrou outras iniciativas de promoción do comercio local que están dispoñibles, como a orde para o impulso das actividades dos Centros Comerciais Abertos —aberta ata o 19 de marzo— , dotada de 2,5M€ e coa que se trata de reforzar a súa excelencia e a capacidade de dinamización das contornas nas que se integran. Tamén a orde de axudas para impulsar a modernización, dixitalización e sostibilidade do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos —aberta ata o 26 de marzo—, e que conta cun orzamento de 3,9 millóns de euros.

Todas estas medidas, enmárcanse no futuro Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030, que tras un proceso de escoita activa e de coñecemento da situación real do sector, estará rematado este mes de marzo.

7 de marzo de 2025 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.