A Xunta esixe ao Goberno central que cumpra co financiamento do sistema de dependencia
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reclamou hoxe que a modificación da lei de dependencia vaia acompañada dun completo estudo de custos e do financiamento necesario para poder cubrilos. Tras asistir ao Pleno do Consello Territorial de Servizos Sociais e Dependencia, fixo fincapé en que “unha vez máis, a resposta do Goberno central ante a dependencia é o infrafinanciamento, algo que recoñece na propia memoria da lei”.
Durante a súa quenda de palabra, a conselleira agradeceu a boa vontade do Ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2023 pero denunciou que “a vontade non sostén o sistema de atención á dependencia”, esixindo ao Goberno central que cumpra a normativa e achegue o 50% do investimento nesta materia.
Neste sentido, Fabiola García destacou que “sen abordar o financiamento non é posible un avance real no sistema de atención á dependencia”. Sobre esta cuestión, puxo de exemplo o caso de Galicia, no que as achegas ao sistema de atención á dependencia por parte do Goberno central “redúcense dun ano a outro”, ao pasar do 40% en 2023 ao 34,9% en 2024, o que provoca que a débeda acumulada con Galicia nesta materia supere os 2.500M€. A conselleira explicou que esta situación “vese agravada pola falta de PGE e pola dificultade para atopar profesionais”.
No Pleno, o Goberno central ofreceu información sobre información sobre o anteproxecto de lei polo que se modifica a Lei de Dependencia. Unha normativa que, segundo destacou Fabiola García, presenta como novidades cuestións que xa estaban vixentes desde xullo do 2023, como é o caso da teleasistencia universal ou a compatibilidade de servizos. O texto inclúe, ademais, a reforma do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que se amplía a actividades fóra do domicilio “sen ter en conta ás comunidades autónomas, que o financian maioritariamente, nin aos concellos, que son os encargados de xestionalo”.
A conselleira tamén solicitou a actualización e mellora do baremo da dependencia, “que se marca a nivel estatal e está obsoleto”, e que se estableza que o envellecemento da poboación e a dispersión teñan un maior peso nos criterios xerais de financiamento, unhas cuestións que definiu como “claves para Galicia”.
Por último, Fabiola García alertou de que o Goberno central “corre o risco de repetir coa Lei ELA o mesmo erro que coa dependencia”, en referencia a esta normativa, que entrou en vigor o pasado mes de novembro “e continúa sen financiamento”. Sobre esta cuestión, incidiu en que “non se poden recoñecer dereitos se isto non vai acompañado de fondos”.











