Román Rodríguez avoga pola investigación educativa para adaptar o ensino aos cambios sociais

Presentación do libro
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, participaron hoxe na presentación do libro A investigación educativa en Galicia 2015-2024, coordinado por Miguel A. Santos e editado pola Editorial Galaxia. Este estudo constitúe unha ferramenta para a comunidade educativa ante a modernización do sistema, con análises con perspectivas novidosas e globais e cun amplo exercicio de posta en común da información recompilada.
O libro, que acolle o que deu de si a investigación educativa en Galicia nos 10 últimos anos, ofrece “ferramentas innovadoras aos docentes, ao alumnado e a todos os implicados nos procesos formativos”, dixo o representante da Xunta, quen incidiu na importancia de “abrir novos camiños de presente e de futuro a través da investigación, que sempre tivo como obxectivo a mellora dos procesos educativos en todos os niveis”.
Román Rodríguez subliñou a necesidade de adiantarse aos continuos e cada vez máis rápidos cambios que afectan en xeral á sociedade e, como parte dela, ao sistema educativo en eidos como a dixitalización ou a intelixencia artificial, entre outros. Neste sentido, sinalou que a nova normativa de formación do profesorado na que traballar o seu departamento porá o acento en fomentar a investigación e a innovación educativa.
Xeración de novo coñecemento
En concreto, incorpóranse dúas novas modalidades de formación, por unha banda os proxectos de investigación, dirixidos a grupos de docentes, que teñen como obxectivo a procura e xeración de novo coñecemento que dea resposta a un problema ou pregunta; por outra os de innovación, dirixidos a un centro educativo como unidade para facilitar a introdución de cambios novos para mellorar os procesos de ensino-aprendizaxe.
Ademais, o departamento autonómico de Educación conta cun centro onde se testan todas as novidades do ámbito educativo: o Centro de Innovación Educativa e Dixital. Desde este centro deuse forma a proxectos como cREAgal ou Ágora Dixital, que poñen a disposición dos docentes recursos que facilitan a súa práctica diaria.











