Román Rodríguez anuncia un programa de retorno de investigadores galegos no exterior para completar a maior aposta polo talento realizada nunca en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

Intervención do conselleiro

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe un novo programa de retorno de investigadores galegos no exterior para completar a maior aposta polo talento realizada nunca en Galicia. Fíxoo nunha comparecencia ante o Pleno do Parlamento, a petición propia, para informar das liñas estratéxicas da Xunta en I+D+i nesta lexislatura, un ámbito onde a nosa Comunidade está destacando especialmente ao liderar o crecemento en investimento, case o dobre que o conxunto de España, e en proxectos innovadores.

Román Rodríguez sinalou que as persoas son -xunto coa transferencia de coñecemento e resultados á sociedade- a prioridade desta estratexia e explicou as accións do Goberno autonómico nesta materia ata converter a nosa terra nun lugar ideal para desenvolver unha carreira científica desde o inicio (con bolsas predoutorais) ata a cúspide. Nela sitúanse o programa Oportunius, a través do que a Xunta apoia e contrata profesionais que acadan bolsas ERC, as máis prestixiosas que se conceden en Europa, e a nova Fundación Galtia, aprobada este mesmo mes e coa que Galicia aspira a captar 30 investigadores de máximo prestixio mundial en cinco anos en áreas estratéxicas.

A terceira pata dese proxecto de excelencia será un novo programa de retorno de investigadores galegos destacados que actualmente traballen fóra da nosa Comunidade e desexen volver. Será o programa Retorna Talento I+D, que se concretará nos próximos meses e que pechará un círculo de iniciativas complementarias “que comparten un obxectivo común: reunir o mellor talento investigador posible en Galicia”, declarou o conselleiro. “Estas liñas de traballo -afirmou- son o último elo de toda unha cadea de apoios para acompañar aos investigadores desde que comezan ata ser excelentes”.

Tres instrumentos complementarios e coordinados

“Hoxe en Galicia hai máis talento científico que nunca e, grazas ao importante traballo realizado nos últimos anos, estamos en disposición de poñer sobre a mesa novas actuacións dirixidas a formar, captar, reter e atraer talento”, detallou o conselleiro.

Nesta dirección, Román Rodríguez avanzou outro paso a prol da ciencia de calidade: a intensificación do apoio a investigadores posdoutorais que queiran optar ás convocatorias Marie Curie da Unión Europea para así ampliar as súas oportunidades e crear unha canteira de investigadores distinguidos que, máis adiante, poidan optar a un Oportunius. Trátase de profesionais mozos que poden desenvolver os seus propios proxectos mentres reciben formación e supervisión de alto nivel. Do mesmo xeito, acompañarase ás persoas que concorran ás bolsas Ramón y Cajal da Axencia Estatal de Investigación.

“Con todo isto, estamos desenvolvendo un apoio transversal ao talento e á investigación, de abaixo a arriba, para que ninguén quede polo camiño. Tamén, apoiamos cada tramo do camiño á excelencia e cada salto de nivel. E creo que isto é unha característica propia do sistema galego que cómpre poñer en valor”, reflexionou o conselleiro de Ciencia, sen perder de vista os programas de vocacións científicas que se desenvolven desde a infancia nos centros educativos, dado que Galicia é líder de España en ciencia segundo PISA.

Converxencia por riba da media española

“Desde o Goberno galego poñemos a ciencia no centro das políticas, como un piar clave para xerar oportunidades, emprego, riqueza e benestar”, manifestou o conselleiro, convencido da súa importancia para “acadar aquelas metas que nos propoñemos como pobo nunha Galicia competitiva e á vangarda”. “Non hai progreso sen ciencia”, aseverou.

Nesa senda, lembrou que Galicia foi quen de incrementar nun lustro un 21% o persoal dedicado a actividades de investigación ata rozar os 14.000 profesionais, o que evidencia que se ten creado un ecosistema científico estable no que traballar con boas condicións. Iso é posible grazas á aposta decidida pola I+D, como acredita o Instituto Nacional de Estatística (INE), que sitúa a Galicia como comunidade líder en aumento de investimento, cun 28% máis, o que representa case o dobre que a media española.

“Estamos medrando máis rápido que o conxunto de España”, explicou o conselleiro. De feito, no período 2006-2009 Galicia perdeu converxencia (pois creceu case 6 puntos por debaixo da media española) e no 2010-2023 gañouna (dado que medrou case 25 puntos por riba). Así, mentres en 2009 o investimento en I+D por persoa era de 189€, hoxe é de 356€. E mentres que o gasto en I+D sobre o PIB era do 0,92%, hoxe é do 1,25%.

1.300 M€ no Plan galego de I+D+i

“Temos máis talento que nunca; temos máis recursos; temos un ecosistema de I+D+i que non deixou de medrar, e temos ferramentas de planificación”, resumiu en alusión ao novo Plan galego de I+D+i, elaborado da man do sector e dotado con 1.310 M€, un 20% máis.

Román Rodríguez concretou algunhas cifras desta aposta polo talento, con 427 grupos de investigación activos na actualidade, a maior cifra rexistrada nunca en Galicia; os 10 centros de prestixio das universidades públicas agrupados na Rede CIGUS ou os centros tecnolóxicos vencellados a sectores produtivos. Ambas tipoloxías de centros suman 3.000 traballadores, polo que procurar vías de colaboración entre eles será outra liña de traballo que anunciou o conselleiro, “garantindo así unha retroalimentación para que o coñecemento xerado se transforme en solucións innovadoras na economía”.

O conselleiro foi contundente nesta aposta da Xunta, que por primeira vez conta cunha Consellería que aglutina as competencias de ciencia. “Ningún talento, ningunha idea, ningún proxecto que paga a pena pode perderse. Este é un obxectivo prioritario”, aseverou. E, nesa liña, porase en marcha unha nova ferramenta web onde os profesionais da ciencia poderán coñecer as necesidades e acceder ás ofertas de empregos concretos.

Reforzo da transferencia de coñecementos

A transferencia de resultados é outra prioridade nas políticas públicas de I+D+i que a Xunta quere potenciar “para que o coñecemento xerado e os avances da investigación e a innovación se transformen en beneficios reais para a sociedade, impulsando o progreso e a modernización do noso modelo produtivo”. Para iso, vaise desenvolver a chamada figura Venture Building, que identifica ideas de alto potencial empresarial en marcha nos laboratorios galegos para levalas ao mercado dando soporte aos científicos.

Román Rodríguez tamén avanzou un paquete de convocatorias con este obxectivo. A primeira delas, xa nas vindeiras semanas, será o programa Ignicia, co que xa foi posible crear 10 spin-off e tres acordos coa industria, un balance que agora se aspira a incrementar; tamén a renovada liña de axudas Nexos, que conecta as empresas con centros de coñecemento para contratar servizos e proxectos de I+D+i de maneira externa, ou as unidades mixtas de investigación, onde conflúen a colaboración público-privada.

Neste apartado inclúense unha oficina piloto para poñer en valor o bo traballo na biotecnoloxía, que agrupa medicina xenómica, novos materiais, farmacoloxía ou agroalimentación. Precisamente, o Instituto Galego de Estatística publica hoxe que o investimento en I+D en Galicia neste sector aumentou en 2023 un 15,7% e supera os 147 M€, confirmando o seu importante peso tanto desde o ámbito público como empresarial. De feito, no período 2021-2023, Galicia foi a segunda rexión de España onde máis firmas de biotecnoloxía se crearon. Esta liña ascendente pretende consolidarse a través do Polo de investigación e desenvolvemento en biotecnoloxía que vén de aprobarse.

Especialización en cuántica e IA

Xunto á biotecnoloxía, os outros dous sectores nos que Galicia busca especializarse, polo seu interese estratéxico e alto impacto, son as chamadas tecnoloxías profundas (cuántica e intelixencia artificial) e as enerxías limpas. No que respecta ás primeiras, Román Rodríguez lembrou que se está a ampliar o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) cun novo edificio e maiores prestacións, que inclúen o novo supercomputador Finisterrae IV. Unha aposta de 56 M€ coa que a Xunta quere impulsar o seu liderado internacional.

En paralelo, trabállase coa Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas para adoptar de xeito efectivo estas tecnoloxías; ou co Vigo Quantum Communication Center, dependente da Universidade de Vigo, que garante comunicacións seguras a salvo de ciberataques.

No ámbito da IA, Román Rodríguez agradeceu o apoio do Goberno central, a través do Ministerio para a Transformación Dixital e o CSIC, ao apoiar que Galicia presente unha candidatura europea coa que obter fondos para despregar unha fábrica de intelixencia artificial vinculada á investigación sanitaria, un espazo de altas prestacións onde poder deseñar, probar e implementar solucións de IA que melloren a I+D+i galega.

Mellores servizos públicos grazas á innovación

Román Rodríguez quere abrir tamén unha nova vía de traballo situada no centro das políticas de innovación, co obxectivo de que os avances “se apliquen á mellora dos servizos públicos e de proximidade para a cidadanía”. Logo do éxito dos procesos de Compra Pública Innovadora, onde Galicia é líder a nivel estatal de xeito moi destacado, o conselleiro quere “trasladar este espírito innovador do eido autonómico ao municipal”.

Para iso, vanse crear os Plans locais de I+D+i, cos que concellos e deputacións poidan identificar desafíos pegados ao territorio e articular solucións adaptadas en eidos que poidan favorecer o benestar social ou o dinamismo económico. Con este fin, avanzou que nas vindeiras semanas se abrirá interlocución coa Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) para impulsar un proxecto pioneiro en España nesta materia.

25 de febreiro de 2025 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.