O Xerente do Servizo Galego de Saúde pon de relevancia o incremento do 19 % da cirurxía robótica como mellora na atención sanitaria de calidade

31ª Xornadas Internacionais de coloproctoloxía Enrique Casal
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada destacou, durante a inauguración das 31ª Xornadas Internacionais de coloproctoloxía Enrique Casal, o incremento do 19 % entre 2023 e 2024 no número de cirurxías robóticas realizadas na sanidade pública como exemplo da mellora na calidade asistencial para os pacientes.
Parada felicitou a organización do evento polo alto nivel do seu programa científico, que contribúe ao intercambio de ideas entre distintos profesionais para coñecer as últimas investigacións, as novas técnicas cirúrxicas e os tratamentos máis innovadores.
No acto celebrado no Parador de Baiona, o xerente do Servizo Galego de Saúde fixo referencia aos seus anos de traballo como médico de familia no PAC do Val Miñor e lembrou a prioridade da Xunta de poñer o paciente no centro das políticas sanitarias.











