O Sergas aproba o protocolo de actuación fronte ao acoso sexual e discriminación por razón de sexo
A Comisión de Igualdade do Servizo Galego de Saúde vén de aprobar un novo protocolo de actuación fronte ao acoso sexual, acoso por razón de sexo, de orientación sexual, de identidade sexual, de expresión de xénero e características sexuais, así como de discriminación das persoas LGTBI.
Incluído no I Plan de igualdade entre homes e mulleres do Servizo Galego de Saúde, esta nova medida ten como obxectivo principal erradicar este tipo de condutas no conxunto dos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde e das súas entidades adscritas.
A rede sanitaria pública galega dótase así dun procedemento específico que permitirá actuar e garantir unha resposta integral e efectiva ante calquera comportamento ou conduta que supoña algún tipo de discriminación por razón de sexo.
Deste xeito, e tras valorar as alegacións achegadas polas organización sindicais, establécese un procedemento centralizado para a xestión das queixas ou denuncias que puidesen producirse neste ámbito, configurando as normas da actuación ante calquera acto de natureza sexual non consentido ou que condicione o libre desenvolvemento da vida sexual, así como por discriminación LGTBI. Tamén determinará se existe fundamento para iniciar un procedemento para a adopción das medidas disciplinarias ou doutro tipo que resulten oportunas, así como para dar traslado ao Ministerio Fiscal.
Para este fin, aplicaranse medidas preventivas para a identificación de condutas que puidesen ser constitutivas deste tipo de acoso ou discriminación, así como medidas dinámicas e procedementos de actuación empregados de forma cautelar e/ou correctivos para darlle saída ás queixas ou denuncias que se puidesen producir.
A Xunta e o Servizo Galego de Saúde, establecen como prioritario o desenvolvemento dunha cultura na organización baseada no respecto á dignidade das persoas, na promoción da igualdade de trato e non discriminación, na creación dun contexto favorable á diversidade, na igualdade de oportunidades e no diálogo e a cooperación.
Xa que logo, todo o persoal da organización ten a obriga de respectar os dereitos fundamentais e as liberdades do conxunto do persoal, absténdose de comportamentos que resulten contrarios á dignidade, intimidade e ao principio de igualdade e non discriminación, ademais de promover sempre condutas respectuosas.
Nesta liña, toda persoa traballadora do Servizo Galego de Saúde que sexa coñecedora dunha situación de acoso ou de discriminación por razón de sexo, poderá activar o novo protocolo, presentando unha queixa ou denuncia que, dun xeito confidencial e áxil, conlevará a xestión interna do caso para a súa erradicación e reparación de efectos.
O protocolo de actuación fronte ao acoso sexual, acoso por razón de sexo, de orientación sexual, de identidade sexual, de expresión de xénero e características sexuais, así como a discriminación de persoas LGTBI, foi aprobado na Comisión Técnica de Igualdade do Servizo Galego de Saúde co voto favorable da Administración Pública e da organizacións sindicais, CSIF, CCOO, UGT e SATSE.











