O presidente galego reivindica o valor do diálogo social e apela á responsabilidade dos sindicatos no Congreso Nacional de UGT

O presidente Rueda no encontro en Santiago de Compostela
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o valor do diálogo social como a única vía posible para lograr consensos e construír un marco laboral responsable, equilibrado e perdurable: “Para chegar a acordos fan falta interlocutores que fagan dúas cousas: ser capaces de trasladar o que pensa a xente á que representan e ter a autoridade necesaria para aterrar eses acordos e que se cumpran. E é o que fixo José Antonio durante estes anos”, salientou Rueda.
Así o destacou durante a súa participación no 14º Congreso Nacional de UGT, celebrado en Santiago de Compostela, que supuxo a despedida de José Antonio Gómez como secretario xeral da delegación galega do sindicato tras 20 anos no cargo. A este respecto, o presidente agradeceu o traballo realizado por Gómez: “Gustaríame renderlle unha homenaxe a quen hoxe entrega a testemuña despois de case vinte anos. Quero manifestar o meu agradecemento por todos estes anos, onde sempre percibín unha lealdade, unha firmeza e unha coherencia na defensa das súas posicións”, remarcou o presidente.
O xefe do Executivo autonómico apuntou ao papel protagonista dos sindicatos na conquista de triunfos sociais en beneficio dos traballadores galegos, e salientou os bos datos de emprego de Galicia da última enquisa realizada, incluíndo a mellora anual nas catro provincias e nas sete cidades e en sectores como a agricultura, a construción e a industria.
De cara a seguir mellorando estas estatísticas, Rueda emprazou aos responsables sindicais a confrontar posturas “dende o respecto mutuo e a crítica construtiva” para alcanzar acordos baseados no diálogo social.
Neste senso, subliñou os esforzos realizados dende a Xunta para reforzar a cooperación cos axentes sociais, incluíndo a aposta pola institucionalización da Mesa de Diálogo Social, á que definiu como unha “ferramenta clave para o desenvolvemento económico e a cohesión social”: “A palabra máxica é diálogo social. E eu veño a manifestar a mellor das vontades e poñer á Xunta de Galicia a disposición dos novos responsables deste sindicato”, rematou Rueda.
O presidente tamén se referiu ao informe elaborado pola USC e a Universidade de Vigo sobre absentismo laboral, e presentado a sindicatos a semana pasada para avanzar na definición de solucións conxuntas.











