MeteoGalicia inclúe na súa web unha nova sección de clima que pon á disposición da cidadanía o resumo estatístico dos datos meteorolóxicos desde o ano 2000
A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, presentou hoxe os novos contidos dispoñibles na páxina web de MeteoGalicia, que inclúen unha nova sección de Clima que pon á disposición da cidadanía o resumo estatístico dos datos meteorolóxicos da Comunidade desde o ano 2000.
Deste xeito, co obxectivo de mellorar a comunicación e a capacidade da cidadanía para acceder á información nesta materia e interpretala, a páxina web de MeteoGalicia inclúe este novo apartado a través do que se pode coñecer de forma rápida os valores medios de calquera parámetro -temperatura, precipitación, vento- en calquera mes do ano e en calquera punto que conte cunha estación meteorolóxica así como os valores extremos.
Ata o de agora, na páxina web podían consultarse os datos que se van obtendo cada 10 minutos na rede de 160 estacións meteorolóxicas -máis de 120 millóns de datos anuais-, pero nesta nova versión tamén está dispoñible información sobre se eses rexistros son os habituais ou se superan algún récord nalgún parámetro.
Para concluír, a directora xeral explicou que no novo visor da páxina web pódese consultar datos (meteorolóxicos e de calidade de aire), previsións en mapas de símbolos e modelos numéricos de maneira máis áxil, moderna e visual.
Esta actualización vén complementar a información dispoñible na web de MeteoGalicia, que, segundo subliñou Paula Uría, recibe una media de 20.000 visitas ao día chegando a picos de ata 60.000.


 Enviar a un amigo
 Enviar a un amigo Opinar
 Opinar Imprimir
 Imprimir









