Medio Rural destina 6,5 M€ para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e para fomentar a súa promoción en terceiros países
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións da Consellería do Medio Rural das axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e para a execución de medidas de promoción deste sector en mercados de terceiros países, cun investimento de algo máis de 6,5 millóns de euros.
As achegas para a elaboración e comercialización permitiron beneficiar 28 entidades, a maior parte delas nas provincias de Ourense e Pontevedra, cun orzamento de 5,2 millóns de euros. Esta liña ten como obxectivo mellorar o rendemento global das empresas do sector vitivinícola e a súa adaptación ás demandas do mercado, así como aumentar a súa competitividade.
Ademais, contribúen tamén a fomentar a certificación ambiental das empresas; propiciar a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e favorecen a innovación e a implantación de novos produtos. Ao mesmo tempo, impulsan o incremento da dimensión empresarial, potencian a participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor e impulsan os investimentos e comercialización e promoven a introdución das tecnoloxías dixitais.
Por outra banda, a liña de axudas para a promoción do sector vitivinícola en terceiros países resolveuse con 13 entidades beneficiarias -integramente nas provincias de Pontevedra e Ourense- e un importe total de 1,3 millóns de euros. Estas achegas teñen como fin promocionar o coñecemento das características e calidade dos viños galegos para contribuír á mellora da súa competitividade.











