Gómez Caamaño sinala que no primeiro trimestre do ano poderá estar cuberto máis do 86 % das prazas de difícil cobertura convocadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou hoxe, no Pleno do Parlamento galego, que no primeiro trimestre do ano poderá estar cuberto máis do 86 % das prazas de difícil cobertura convocadas.

Tal e como detallou o titular da carteira sanitaria da Xunta, a oferta de emprego público de 2023 para postos de difícil cobertura recollía 423 prazas entre as que se inclúen facultativos especialistas de atención primaria, enfermería e numerosas especialidades con vacantes en hospitais comarcais. Na actualidade cubríronse 271 prazas.

A estas prazas hai que engadir as 94 do proceso de enfermería especialista en saúde mental, que se formalizarán no primeiro trimestre do ano.

Deste xeito, actualmente estaría cuberto máis do 64 % da oferta, prevéndose acadar cando finalice a toma de posesión do persoal de enfermería especialista en saúde mental unha porcentaxe de máis do 86 %.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro incidiu en que para a Xunta os hospitais comarcais son fundamentais. A tal efecto, ademais das medidas laborais e retributivas, melloráronse as instalacións dos sete hospitais comarcais galegos renovando o seu equipamento tecnolóxico para, deste xeito, incrementar a calidade asistencial que se presta aos pacientes.

Gómez Caamaño tamén incidiu na problemática da falta de profesionais sanitarios que afecta a toda España, situación que lle compete ao Ministerio de Sanidade ofrecer solucións. Lembrou que, marco das súas competencias, a Xunta aprobou a Lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura, que foi aprobada no Parlamento galego sen o apoio dos grupos da oposición.

Tamén, de cara a facilitar a cobertura nos hospitais comarcais, a Xunta estableceu unha maior valoración da experiencia profesional que permite que todos os profesionais que traballen nestes centros puntúen o triplo, facendo máis atractivas as prazas dispoñibles.

O que pretende a Xunta é realizar unha discriminación positiva cara a estes hospitais, permitindo garantir a continuidade asistencial e a calidade dos servizos sanitarios, impulsando a incorporación urxente, estable e permanente de persoal aos postos de difícil cobertura.

O conselleiro concluíu a súa intervención manifestando o compromiso da Xunta con estes hospitais, para o que está a empregar todas as ferramentas ao seu alcance para continuar mellorando estes centros sanitarios, fundamentais para Galicia, pola propia configuración demográfica do territorio.

26 de febreiro de 2025 | 15:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.