Diego Calvo destaca a aposta pola intermodalidade mediante a combinación de distintos medios de transporte

Intervención de DIego Calvo
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, defendeu hoxe no Parlamento galego a aposta da Xunta pola intermobilidade, que permite a combinación de diferentes medios de transporte, xa sexa autobús, tren ou bicicleta ou barco, porque o transporte de ría tamén está integrado na área metropolitano da área de Vigo.
No que se refire ás competencias da Xunta lembrou os investimentos realizados nas intermodais de Ourense, Santiago, Pontevedra e Vigo, así como nas da Coruña e Lugo que se están a construír.
Por iso, no caso da proposta para poñer en marcha unha estación intermodal en Vilagarcía, sinalou que o Goberno galego conta cun proxecto trasladado ao Concello que prevé a construción dun intercambiador intermodal e a reurbanización da contorna, pero advertiu de que é necesario consensuar antes co Concello o uso que se lle vai dar á actual estación.
Chamou a atención tamén sobre o feito de que a intermodalidade esixe readaptacións de horarios e itinerarios, e eses cambios poden afectar a persoas usuarias doutros municipios, polo que cómpre avaliar as súas consecuencias.
Nesta liña, o conselleiro de Presidencia incidiu en que para fomentar o transporte intermodal no concello tamén se necesita “contar cunha oferta suficiente de medios de transporte e combinalos para que o transporte público sexa unha alternativa real ao vehículo particular”. Así, salientou que habería que coñecer a oferta de servizos ferroviarios no concello.
Na súa intervención, Diego Calvo puxo en valor a oferta de autobús interurbano en Vilagarcía. En concreto, 67 liñas con máis de 300 servizos de media nun día laborable e das que 47 conectan con outros concellos da comarca. Tamén hai liñas que comunican Vilagarcía con Santiago de Compostela ou Pontevedra. Todas as liñas teñen como paradas principais a da estación de autobuses e a da Avenida da Mariña e 10 liñas paran no Hospital do Salnés, o que supón ofrecer 60 servizos diarios.
Polo tanto, segundo indicou o conselleiro, a oferta é “ampla e axeitada” ás necesidades como se reflicte no aumento nun 12% nas viaxes rexistradas en 2024, ata acadar as 580.000. Desta cifra, 120.000 correspóndense coas viaxes realizadas por 1.800 menores de 21 anos coa Tarxeta Xente Nova e 800 maiores de 65 anos usuarios da tarifa +65.


 Enviar a un amigo
 Enviar a un amigo Opinar
 Opinar Imprimir
 Imprimir









