Concurso Balbino de Relatos, unha década de vida
O concurso Balbino de Relatos, que naceu ao amparo do célebre escritor Xosé Neira Vilas, cumpre, neste ano 2025, dez anos de vida. Toda unha década na que os amantes da literatura, ben fosen profesionais ou noveis, quixeron formar parte cos seus relatos da historia dun certame que leva por bandeira a esencia de “Balbino”, o personaxe máis emblemático do finado escritor que co seu libro, Memorias dun neno labrego, marcou a xeracións de galegos e galegas espertando o seu sentimento de arraigo á cultura rural.
Con esta nova edición, consolídase este concurso de relatos como un referente nos certames literarios da comunidade galega, sendo o xerme na carreira de varios escritores actuais que deron os seus inicios con nós. Así foi o caso do primeiro dos gañadores, un xovencísimo Xian Lois Alcayde Dans, cunha incipiente carreira no mundo das letras que hoxe, dez anos despois, avalan as súas publicacións. Todos e cada un dos gañadores viron con este certame recoñecida a súa valía, algúns alén da nosa terra, como Ricardo Ferreiro, natural de Sevilla pero con raíces galegas. Outros, vendo publicado o seu primeiro libro xa na xubilación, tras anos como escritor afeccionado, como foi o caso do ferrolán Carlos Neira. Moi diversas historias tras todos e cada un dos nosos gañadores, pero que teñen un punto en común, o vínculo inquebrantábel coa cultura e a tradición galega que divulga o Concurso Balbino de Relatos.
Convocatoria
Con todo isto, queda evidenciado que o certame Balbino, de periodicidade anual, pretende ser un estímulo para todas as persoas que queiran participar na promoción e difusión de Galicia e da nosa cultura. Esa é a esencia que pretendemos transmitir e que buscamos en cada relato, converténdose en eixe primordial para participar.
Queda aberta a convocatoria tendo de prazo para a presentación de orixinais ata o venres 27 de xuño de 2025.
Poden participar persoas de calquera idade ou nacionalidade, o idioma empregado na escrita ten que ser o galego e a temática debe estar baseada no rural, no mar ou na emigración, que son as tres partes máis destacadas na vida de Balbino. Evidenciar nos seus relatos as nosas tradicións, a nosa xente, os nosos costumes, o noso xeito de vida, en definitiva, as nosas raíces.
A obra presentada poderá estar composta dun único relato ou de varios, pero sempre cunha extensión comprendida entre 100.000 e 200.000 caracteres.
Todas as persoas interesadas en participar poderán acceder ás bases do concurso na páxina web www.concursobalbino.com
Premio
A persoa que resulte ser a obra gañadora do Concurso será beneficiada cun premio dobre que constará dun cheque por valor de 1.500 euros e a publicación da obra por Edicións Fervenza.
Fallo da obra
En canto á elección da obra gañadora, como vén sendo habitual, correrá a cargo dun xurado profesional de recoñecido prestixio no mundo da literatura galega que dará a coñecer o fallo no mes de setembro.
Nese momento dará comezo o proceso de publicación para, no último trimestre deste ano 2025, efectuar a entrega oficial do premio e presentar o libro da obra gañadora.
Colaboradores
O Concurso “Balbino” de Relatos non sería posible sen o apoio do público lector, os escritores que participan e, como non, os patrocinadores.
Entre estes últimos cabe sinalar o apoio recibido pola Secretaría Xeral da Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, a Fundación Xosé Neira Vilas, e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces.
Edicións anteriores
Na última edición do Concurso “Balbino” de Relatos, en 2024, a obra gañadora foi O meigallo dos soños, que resultou da autoría de Juanjo Lamelas (Ourense).
Deste xeito, entrou a formar parte da historia do certame uníndose á lista de premiados que inclúen, por orde cronolóxica a:
- Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans (A Coruña)
- De que falarán as árbores, de Ricardo Cid Paz (Ourense)
- Máis alá do río do esquecemento, de Ricardo Ferreiro Almeda (Sevilla)
- Banda Sonora Orixinal, de Pablo Nogueira Campo (O Carballiño, Ourense)
- Bica de Montouto, de Pepe Peinó (O Valadouro, Lugo)
- Gumes entre a néboa, de Xosé Alfredo Naz Fernández (Vigo)
- A comuna de Valdonelle, de Carlos Neira Suárez (Ferrol)
- Loucine, de Clara Martín (Ourense)











