As axudas extraordinarias para o retorno dos emigrantes galegos apoiaron máis de 5.400 familias nos últimos sete anos
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe no pleno do Parlamento o apoio da Xunta ao retorno das persoas galegas emigrantes con distintas achegas como as extraordinarias dotadas este ano cun crédito inicial de 2,3 M€ —que se poderá reforzar segundo a demanda—. Neste sentido, José González subliñou que estes apoios representan un importante mecanismo de salvagarda económica para soster as familias no momento da súa chegada e facer fronte aos primeiros gastos e que entre o 2018 e o 2024 permitiron beneficiar máis de 5.400 familias, feito que supón un efecto directo en preto de 20.000 persoas retornadas.
Por procedencia, as familias son orixinarias de máis de 60 países sendo Venezuela, Cuba e Arxentina os países predominantes. En relación coas características dos solicitantes, un 54% das persoas beneficiarias son mulleres. Ademais, o conselleiro destacou o compromiso da Xunta con estes apoios, dos que na convocatoria de 2024 resultaron beneficiarias 1.159 familias por un importe total de 3,5 M€, o que supuxo un récord en compromiso orzamentario e en solicitudes concedidas.
Así o sinalou en resposta a unha pregunta relacionada con estas achegas, na que tamén puxo de relevo o pulo á inserción laboral das galegas e galegos retornados a través do programa Retorna Cualifica Emprego, co que, cunha dotación de 2,3 M€ nesta edición, se prevé atraer uns 200 galegos da diáspora menores de 55 anos. Ademais, lembrou que o Goberno galego traballa na organización das feiras de emprego que se celebrarán o 6 e o 7 de marzo na Arxentina e o 10 de marzo no Uruguai co fin de captar talento da comunidade galega no exterior.
Trátase de actuacións enmarcadas na Estratexia Galicia Retorna que o Executivo autonómico desenvolve de xeito transversal e á que destina 450 M€ para favorecer o retorno de 30.000 persoas deica 2026 coa finalidade de que as familias que retornan se sintan acompañadas en todo o proceso e coas súas necesidades atendidas.
Detalles das axudas extraordinarias
O conselleiro explicou que coa convocatoria deste ano de axudas extraordinarias ao retorno se estima apoiar unhas 1.000 familias. A axuda máxima por unidade familiar é de 6.000 euros, unha cantidade que se gradúa en función do número de membros, da súa situación social, da idade deses membros, tendo en conta si son maiores de 65 anos ou si teñen fillos menores.
Deste xeito, para as familias con fillos menores de idade que se establezan en Galicia, hai un complemento de 1.000 euros para cada un dos dous primeiros fillos e de 1.500 euros a partir do terceiro, cun incremento do 25 % no caso de que a familia resida nun concello rural. Tamén se inclúe unha axuda fixa de 500 euros por unidade familiar destinada a facer fronte aos gastos derivados das primeiras xestións necesarias para garantir o acceso a unha vivenda. Nesta liña, o conselleiro explicou que o importe medio que perciben as familias galegas retornadas a través desta axuda é de 3.000 euros.











