A Xunta propón para as Medallas ao Mérito de Protección Civil de Galicia deste ano os colectivos que participaron no continxente galego trasladado á Comunidade Valenciana tras a DINA
A Xunta proporá os colectivos que participaron no continxente galego desprazado á Comunidade Valenciana tras a DINA para optar á concesión das Medallas ao Mérito de Protección Civil de Galicia deste ano. A proposta será abordada pola comisión de avaliación das medallas xunto ao resto de solicitudes presentadas para as distintas categorías.
Cómpre lembrar que o operativo desprazado á Comunidade Valenciana estivo coordinado polo Goberno galego -a través de técnicos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior- e contou con voluntarios e membros de Protección Civil; bombeiros municipais, dos consorcios provinciais e de Navantia; integrantes dos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES); efectivos da Consellería do Medio Rural e de Gardacostas da Consellería do Mar; axentes da Unidade de Policía Adscrita (UPA) de Galicia; membros do Grupo de Apoio Loxístico á Intervención (Gali) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), así como unidades caninas de salvamento e rescate de Casaga e representantes da Asociación de Intervención, Axuda e Emerxencia (IAE).
Co obxectivo de poñer en valor as accións sobresaíntes que en materia de protección civil leve a cabo o persoal voluntario e profesional, así como entidades de todo tipo, a Xunta aprobou en febreiro de 2019 o decreto polo que se regulan as Medallas ao Mérito de Protección Civil de Galicia e outras condecoracións.
Conforme a este decreto anualmente distínguense as persoas físicas ou xurídicas que sobresaian polas súas actividades en materia de protección civil, accións de emerxencia, de grave risco, catástrofe ou calamidade pública, ou pola realización de actuacións que impliquen risco notable, solidariedade excepcional, colaboración e cooperación coas institucións de Protección Civil, así como en actuacións de continuidade relevante de interese, todo no ámbito territorial da comunidade.
Cada ano concédense unha medalla de ouro, tres de prata e seis de bronce e un distintivo de permanencia ao persoal voluntario que acredite un mínimo de 25 anos prestando servizo activo. En casos excepcionais, sucesos ou emerxencias que desen lugar a perdas de vida ou que afecten gravemente á integridade das persoas que interveñen neles, poderanse conceder as medallas sen limitación de número, en calquera das súas categorías e na mesma anualidade. A proposta da comisión publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) para logo celebrar un acto público para a entrega das medallas.
As solicitudes para optar á concesión das medallas ao mérito de protección civil de Galicia, nas súas distintas categorías, poden ser presentadas por calquera persoa física ou xurídica, representantes de organismos, entidades, asociacións, así como calquera administración pública. No caso do distintivo de permanencia para o persoal voluntario, a solicitude poderá efectuarse pola Agrupación á que pertenza o/a voluntario/a e/ou polo concello sede da AVPC, aportando a documentación necesaria que acredite a permanencia.
Día Internacional Protección Civil
Por outra parte, mañá conmemorase o Día Internacional da Protección Civil, unha data establecida pola Organización Internacional de Protección Civil (OIPC) en 1990 co obxectivo de recoñecer o papel fundamental dos organismos de protección civil na prevención e resposta ante emerxencias e desastres naturais.
A Xunta ten un firme compromiso de apoio aos servizos de protección e emerxencias de Galicia, tanto cos Consorcios de extinción de incendios e salvamento como cos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) e coas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Galicia. Así, dende o ano 2015 destináronse máis de 27 millóns de euros para apoiar e facilitar a importante labor destas agrupacións e dos GES.
De feito, desta contía, 15 millóns corresponden só ao material cedido a AVPC co obxectivo de que conten tanto co equipamento imprescindible para o seu funcionamento, por exemplo, vehículos todoterreo e remolques de emerxencia, como con material específico para a atención das emerxencias máis probables no seu territorio como cuñas ou coitelas quitaneves e esparexadores de sal nos concellos de montaña ou embarcacións nos concellos costeiros ou con encoros onde se practican actividades de recreo. O equipamento adquirido inclúe unha ampla variedade de material especializado, sumando case 1.500 unidades.
Cómpre engadir que estas agrupacións tamén perciben anualmente unha achega para os seus gastos de funcionamento que, precisamente este ano incrementouse de 340.000 a 370.000 euros. Ademais, lévanse investido outros 5 millóns na formación destas agrupacións e doutros servizos de emerxencias desde a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
As agrupacións de voluntarios de Protección Civil constitúen un piar fundamental na atención as emerxencias tanto nas tarefas de prevención como en apoio ás intervencións, sendo moitas veces os primeiros en chegar, de aí a importancia que poidan contar co equipamento necesario para velar pola seguridade da cidadanía nas mellores condicións ofrecendo a mellor resposta ante calquera incidencia coa maior eficacia posible. Na comunidade galega contase cunha rede de 4.400 voluntarios e voluntarias integrados en 236 agrupacións, máximo histórico.
Para facilitar a comunicación das AVPC coa Xunta, xa está tamén en funcionamento unha nova plataforma informática (SIPROC) integrada coa sede electrónica para a xestión de altas e baixas no Rexistro de Agrupacións de Voluntariado de Protección Civil de Galicia. Esta aplicación tecnolóxica permite prestarlles un maior e máis efectivo apoio ás AVPC, xa que é posible coñecer en todo momento a súa composición, formación, recursos dispoñibles e o seu estado, operativos desenvolvidos e ademais permitirá ter información de primeira man da evolución das emerxencias.











