A Xunta insta ao Goberno central a concluír xa o traspaso dos recursos precisos para que Galicia poida exercer as súas competencias sobre o litoral
A Xunta insta ao Goberno central a concluír xa o traspaso dos recursos precisos para que Galicia poida exercer as súas competencias sobre o litoral.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reclamou hoxe no Parlamento ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática axilidade no procedemento para concretar os medios materiais e persoais así como a valoración do custo efectivo asociado para que a Comunidade poida exercer a ordenación e a xestión sobre a costa.
Nesa liña, a conselleira explicou que o ministro, Ángel Víctor Torres, respondeu o pasado día 7 de febreiro á carta que lle enviara o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o 17 de xaneiro sobre esta cuestión. Na carta, o ministro comprométese a continuar sen demora con este proceso e, de feito, segundo indicou Ángeles Vázquez, este luns o Goberno galego recibiu unha proposta respecto a algúns medios persoais e materiais -só vehículos- a transferir.
Nese senso, a conselleira incidiu en que se trata dun documento “moi inicial” na que faltan unha valoración dos medios, cargos e inmobles; os expedientes contractuais en trámite e a consignación orzamentaria correspondente.
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, ademais de estudar esa proposta, está a comparala con outras transferencias feitas neste eido a outras comunidades autónomas. “Galicia vai defender coa mesma vehemencia as nosas competencias e os nosos dereitos”, aseverou Ángeles Vázquez.
Durante a súa resposta a unha pregunta oral, a conselleira amosou a súa confianza en que o tempo de espera non sexa doutros dous meses e que o traspaso se poida concretar antes do 23 de abril, que é a data na que se cumpre un ano do aval do Tribunal Constitucional á Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga).
Logo de insistir en que a Loxilga é unha norma “que abre a porta ao resto das comunidades autónomas”, a conselleira fixo fincapé en que a Xunta leva dez meses traballando “desde a lealdade e a transparencia” para poder exercer as súas competencias no litoral de forma efectiva.
Así, no último trimestre de 2024 constituíuse a Comisión interdepartamental de coordinación da ordenación do litoral, á que lle compete a coordinación da elaboración destas directrices así como dos instrumentos que as desenvolverán, e avanzouse, a través do seu sometemento ao procedemento de consulta pública previa, na creación do Foro do litoral, como órgano de asesoramento.
Así mesmo, xa está en marcha a elaboración das Directrices de Ordenación do Litoral, cuxo obxectivo é o de fixar os criterios para xestionar as actividades humanas que se poden desenvolver, e as que non, na franxa costeira. Na actualidade, e ata o vindeiro 31 de marzo, está aberto o procedemento de consulta pública previa para recompilar achegas e suxestións da cidadanía, entidades e administracións en relación á súa elaboración e contido.











