A Xunta e o Banco de España poñen en marcha unha nova edición das sesións formativas ‘Finanzas para todos’ na rede CeMIT

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co Banco de España, organiza unha nova edición da iniciativa Finanzas para todos, que ofrece á cidadanía coñecementos básicos e as ferramentas necesarias para manexar as súas finanzas de forma responsable e informada nunha contorna dixital.

As sesións comezarán o vindeiro 20 de febreiro na aula CeMIT de Ortigueira e continuarán ata xullo nun total de 18 centros da Rede. Como novidade, este ano a iniciativa conta con dous itinerarios formativos distribuídos en dúas sesións cunha duración de 7,5 horas cada un.

Contido das sesións

O primeiro dos itinerarios dedicarase ás finanzas persoais: o orzamento persoal e os seus compoñentes (ingresos e gastos e as súas clasificacións, aforro, inversión e endebedamento) como punto de partida para unha xestión segura e saudable das finanzas persoais. Adicionalmente, realizaranse casos prácticos sobre contas, tarxetas e formas de pago, ao tempo que se ensina ás persoas usuarias como protexerse fronte á ciberdelincuencia nas operacións financeiras cotiás.

O segundo dos itinerarios servirá para afondar nos temas tratados no itinerario para ampliar a confianza da cidadanía no manexo das súas finanzas.

Durante as sesións formativas empregaranse ferramentas dixitais (por exemplo o paquete ofimático LibreOffice ou simuladores…) para ampliar as competencias dixitais e crear conciencia na seguridade dixital fronte aos riscos e, en particular, nas decisións financeiras cotiás.

As persoas interesadas en asistir a esta formación poden consultar as actividades programadas a través da páxina web da Rede CeMIT, na que poderán realizar a súa inscrición.

18 de febreiro de 2025 | 16:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.