A Xunta de Galicia apoia un proxecto baseado en intelixencia artificial para acelerar a curación de feridas crónicas do Centro Tecnolóxico Gradiant
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou hoxe o Centro Tecnolóxico Gradiant para coñecer o avance do proxecto ACE (Advanced Cutaneous Evaluator) apoiado polo programa Ignicia da Xunta de Galicia na convocatoria de 2023. O obxectivo desta iniciativa, no que tamén participa a Fundación Biomédica Galicia Sur e que proximamente se constituirá en empresa, é redefinir o tratamento das feridas crónicas mediante solucións baseadas en intelixencia artificial.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou a importancia de “trasladar os resultados da investigación ao mercado e, por tanto, á sociedade, mellorando así a calidade de vida das persoas”. Neste caso, o proxecto ACE permitirá acelerar o proceso de curación das feridas crónicas, que afectan a unha parte significativa da poboación, o que representa un importante reto médico e económico. O proxecto busca reducir os custos e mellorar os resultados terapéuticos, dotando aos profesionais sanitarios dunha ferramenta de apoio á toma de decisións baseada en intelixencia artificial. De feito, pola súa contribución no ámbito da aplicación das tecnoloxías dixitais á saúde, ACE foi galardoado nos XI Premios Bioga.
Transferencia de coñecemento
Carmen Cotelo recalcou que a transferencia de coñecemento será unha prioridade no novo Plan galego de investigación e innovación 25-27 e, por iso, proximamente se convocará unha nova edición deste programa. Desde a súa creación no 2016, Ignicia leva apoiados 32 proxectos de proba de concepto, para levar ao mercado os resultados da investigación realizada nos centros de coñecemento galegos. Destes, 17 están en desenvolvemento -como ACE- e 13 xa chegaron ao mercado en forma de spin-off (10) ou acordo de licenza coa industria (tres). Cun investimento de 16,6M€, os proxectos e empresas creadas xa conseguiron captar máis de 26 millóns de euros e impulsar máis de 140 empregos de alta cualificación.
O centro tecnolóxico Gradiant ten participado neste programa a través de catro proxectos. Ademais de ACE, ten en incubación outra spin-off xurdida do programa Ignicia, ItDP, consistente nunha solución innovadora para a dixitalización de procesos documentais en sectores industriais, de manufactura ou servizos técnicos, e xa creou no pasado dúas spin-offs co apoio deste programa: Sense Aeronautics, apoiada na convocatoria de 2021, e que está centrada na análise de vídeo con intelixencia artificial para lograr que as operacións con drons sexan máis eficientes e seguras, e Alice Biometrics, solución de verificación da identidade automática, apoiada no 2016.
Gradiant destaca en Galicia na creación de spin-offs con resultados en investigación deep tech, formando un ecosistema que xerou máis de 50 empregos de alta cualificación (ademais dos 250 profesionais que forman parte do propio centro), e a xeración de negocio de varios millóns de euros.











