A Xunta dá luz verde ambiental á repotenciación de 9 parques eólicos para eliminar 286 aeroxeradores e aumentar nun 35% a súa produción de enerxía renovable
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lembrou hoxe que o Goberno galego deu luz verde ambiental no último ano aos proxectos de “repotenciación voluntaria de nove parques eólicos”, o que se traducirá nunha mellora substancial da súa eficiencia e reducirá á vez o impacto sobre o territorio e a paisaxe. Isto é así xa que suporá “eliminar 286 aeroxeradores (que pasan dos 361 que hai actualmente a 75) e aumentar nun 35% a súa capacidade de produción de enerxía renovable”, explicou.
Así se recolle nun informe da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático sobre os proxectos de repotenciación eólica tramitados e que analiza a súa contribución aos obxectivos fixados en materia de descarbonización e transición enerxética.
Todas estas melloras conseguiranse grazas a unha maior eficiencia dos actuais parques, xa que “repotenciar consiste en substituír as máquinas instaladas por outras máis modernas e eficientes, de forma que con moitos menos aeroxeradores se poida garantir practicamente a mesma potencia e mesmo incrementar de maneira substancial a produción renovable”, indicou Alfonso Rueda.
De feito, estímase que unha vez realizadas as melloras, estes nove parques eólicos pasarán de xerar 615.000 MWh/ano a 828.000 MWh/ano, o que equivale ao consumo eléctrico de máis de 230.000 familias (máis que a poboación da cidade da Coruña).
En todo caso, estes non serán os únicos beneficios ambientais asociados aos proxectos, xa que, unha vez se executen as repotenciacións solicitadas, os nove parques incrementarán en máis de 100.000 as toneladas de CO2 que se evitan emitir anualmente á atmosfera, é dicir, as mesmas que xerarían 81.000 coches circulando durante un día.
A Xunta continúa avanzando deste xeito no proceso de descarbonización e transición enerxética da Comunidade. E faino, ademais, aplicando o mesmo criterio que a UE, que considera as enerxías renovables de interese público superior —tanto se se trata de proxectos de nova implantación como de melloras para realizar nos existentes— xa que contribúen á loita contra o cambio climático e á seguridade e á saúde das persoas.
Con base nese interese do sector das renovables —e dos eólicos en particular—, e no marco da súa aposta pola simplificación administrativa, o Goberno galego axilizou a tramitación das repotenciacións voluntarias. De feito, desde 2024 os prazos de autorización administrativa acurtáronse considerablemente, que pasan de tardar anos a meses, o que demostra que a Xunta cumpriu co mandato comunitario de axilizar este tipo de procedementos para garantir que non se alonguen máis de dous anos.
Así, tres dos nove parques eólicos con proxectos de repotenciación presentaron as súas solicitudes en decembro do 2023, febreiro de 2024 e marzo de 2024, respectivamente, e recibiron a autorización ambiental da Xunta no prazo dun ano ou mesmo menos.
En todo caso, tras superar os nove proxectos de repotenciación o trámite ambiental, o presidente da Xunta indicou que “catro xa contan coa autorización necesaria para poder iniciar as obras de adaptación, e os outros cinco están pendentes dos últimos trámites, polo que se prevé que queden autorizados nas próximas semanas”.
Ademais, Rueda salientou que a repotenciación “non é nova en Galicia”, facendo referencia a que “cinco parques xa completaron o proceso e lograron reducir nun 80% o número de aeroxeradores” sen mermar a produción de enerxía.
O investimento total previsto nestes nove proxectos acada os 321 millóns de euros e contan cunha subvención de máis de 54,58 millóns procedentes de fondos europeos.
Galicia, líder en redución de emisións netas
Alfonso Rueda lembrou que as emisións netas de gases de efecto invernadoiro en Galicia “que se reduciron en 2022 nun 59,8% respecto a 1990”, ano de referencia para as políticas climáticas a nivel comunitario, un dato que a converte na Comunidade que logrou unha maior redución neste período e que “supera xa o obxectivo marcado pola UE para finais desta década (55%)”.
Ademais, puntualizou tamén que, na actualidade, “case o 45% do consumo enerxético final na Comunidade procede xa de fontes renovables, polo que se cumpre tamén o obxectivo marcado pola directiva comunitaria de cara ao ano 2030, que fixa esta porcentaxe nun mínimo do 42,5%”.
Polo tanto, despois de anos de traballo neste eido, a situación de partida de Galicia para acadar o compromiso de neutralidade climática no horizonte de 2040 —é dicir, unha década antes do fixado pola Comisión Europea, tal e como quedará marcado na futura Lei do clima na que traballa a Xunta— é boa.
Non obstante, a economía estase electrificando cada vez máis e o nivel de exixencia en canto aos retos de descarbonización segue subindo. Por este motivo, a situación de bloqueo xudicial que afecta o sector eólico galego compromete a consecución dos obxectivos a medio prazo e, de feito, explica tamén por que Galicia, unha comunidade con excelentes recursos eólicos por todo o seu territorio, pasou de ser líder nacional en canto a potencia eólica instalada a caer ata a cuarta posición.
Pendentes do Tribunal Europeo
Na súa aposta polas enerxías renovables, Galicia necesita incrementar a actual potencia eólica instalada —algo máis de 3.900 MW distribuídos entre 190 parques— para achegarse ao obxectivo de acadar a neutralidade climática no horizonte do ano 2040.
Porén, un total de 98 parques eólicos con autorización por parte da Xunta e cunha potencia de 2.555 MW asociada está afectado no conxunto da Comunidade por recursos xudiciais.
Esta situación ten un impacto directo nos obxectivos galegos de descarbonización, xa que só coa execución dos proxectos actualmente bloqueados se evitaría a emisión de 2,5 millóns de toneladas de CO2 anuais, é dicir, a cuarta parte das toneladas que Galicia debe reducir para acadar o obxectivo de neutralidade climática.
Neste sentido, cómpre lembrar que o pasado mes de novembro a Xunta decidiu presentarse como parte interesada na cuestión prexudicial que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia elevou ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) con relación á tramitación ambiental dos proxectos eólicos en Galicia, un paso que tamén deu o Goberno central no seu momento para defender a transposición da directiva comunitaria que realizou na súa Lei de avaliación ambiental de 2013.
De feito, a Xunta espera que a resolución se produza o antes posible ao entender que un pronunciamento xudicial da UE clarificaría e axilizaría a implantación dos proxectos paralizados na Comunidade, ademais de evitar que a inseguridade xurídica neste sector se poida estender a outros países con lexislacións sectoriais similares á española.