A Xunta acusa ao Goberno central de “irresponsabilidade” ao negarse a asumir as compensacións ás persoas mariscadoras do Burgo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

A Consellería do Mar acusa ao Goberno central de actuar cunha manifesta “irresponsabilidade” ante a reiterada negativa de asumir integramente as compensacións económicas ás persoas mariscadoras da ría do Burgo. Así, valoran a posición do Estado, ofrecendo asumir a metade das axudas, como un intento de “botar balóns fóra” para non asumir as súas obrigas como único promotor das obras de dragaxe desta zona produtiva. Unha oferta que contrasta coa reiterada negativa a participar nas periódicas reunións ás que foron convocados por parte da confraría.

Desde a Xunta recordan que o pasado 27 de xaneiro foi remitida unha carta de resposta á enviada polo secretario de Medio Ambiente, Hugo Morán, na que tamén se instaba ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) a corrixir as múltiples deficiencias na execución da obra sinaladas pola propia asistencia técnica da confraría nun informe que conclúe que se deixaron 24 dos 27 bancos marisqueiros en peor estado respecto ao inicio da actuación. Concretamente se indica que todas as zonas de marisqueo a flote foron afectadas así como 20 dos 23 bancos de marisqueo a pé.

Entre as deficiencias se enumeran a redución das superficies produtivas, variacións na batimetría, modificacións das características granulométricas así como a presenza de irregularidades no terreo causadas pola maquinaria pesada cuxa orixe está no remate inadecuado ou incompleto dos traballos. Unha situación que compromete gravemente o futuro da actividade marisqueira na zona e que deixan ás persoas mariscadoras nunha situación de gran “incerteza”.

A Xunta acusa ao o Goberno central de “insensibilidade” para coas 70 familias afectadas e de eludir os seus compromisos como promotor destas obras tratando ”de xeito irresponsable e utilizando ás persoas mariscadoras como dano colateral” para que sexa a Administración autonómica quen asuma as consecuencias duns traballos que “executaron outros”. Unha posición que está avalada por un informe encargado á Universidade de Santiago de Compostela que aborda a competencia e responsabilidade do pago das axudas por parte do promotor dos traballos de dragaxe.

Desde o Goberno galego reitérase o apoio ás demandas dos profesionais e as súas familias que exixen o abono de compensacións económicas ata que sexa posible retomar a actividade como sinala a propia declaración de impacto ambiental da obra. Un documento publicado no BOE o 27 de setembro do 2017 que sinala que o cese da actividade marisqueira inclúe o período que transcorre desde que finalizan as obras ata que os bivalvos sementados acaden tamaño comercial. Aspecto que, denuncian, estase a incumprir de xeito “fragrante”.

18 de febreiro de 2025 | 16:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.