A Unidade de Policía Adscrita de Galicia levanta 11 actas de infracción nun dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores realizado en Lugo
Axentes da xefatura da Unidade de Policía Adscrita de Galicia en Lugo levaron a cabo un dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores de idade o día 15 de febreiro na cidade de Lugo. Como resultado das inspeccións en sete locais, os axentes identificaron 56 persoas e levantaron 11 actas de infracción que foron remitidas á Consellería de Sanidade. A maiores, interviñéronse diversas substancias estupefacientes.
Seis das 11 actas foron por consumo de alcohol por parte de menores, e outra a un establecemento por venda de alcohol a menores, como infraccións da Lei de Galicia sobre drogas e da Lei de prevención de consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade. Ademais, rexistráronse tres actas por tenencia de substancias estupefacientes na vía pública e unha máis por falta de respecto a axente da autoridade, infrinxindo nestes casos a Lei de protección de seguridade cidadá.
O dispositivo enmárcase nas actuacións para velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, co obxectivo de previr a venda e a subministración a menores de idade, tanto en locais de ocio como bares, pubs ou discotecas como en supermercados e tendas 24 horas que sexan establecementos expedendores de alcohol e tabaco. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o consumo ilícito.
A actividade dos axentes céntrase sobre todo en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de ocio frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por acadar que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcohol e tabaco, pero tamén moi especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde que teñen estes consumos na mocidade.











