A consellería do Medio Rural destaca a súa aposta a prol do impulso da I+D+i no sector agrario
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou esta mañá na inauguración do V Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario que, nesta primeira xornada celebrada na Cidade da Cultura, centrouse na gandaría e a industria agroalimentaria. No acto salientaron a aposta da Consellería do Medio Rural a prol de impulsar a I+D+i no sector agrario.
O Foro contará con tres xornadas máis: os días 13 de marzo, en Ribadumia (Pontevedra); o 27 do mesmo mes no Pazo de Fontefiz, en Coles (Ourense); e o 11 de abril en Ribadeo (Lugo). O seu obxectivo é dar a coñecer 35 proxectos que buscan resolver os problemas do presente e do futuro deste eido produtivo. Ademais, nalgúns deles están presentes os centros de investigación dependentes da Consellería do Medio Rural.
Na inauguración desta xornada, desde o Goberno galego insistiuse na importancia da innovación e de aproveitar as oportunidades que ofrece. Neste sentido, os consumidores buscan produtos de calidade, respectuosos co medio ambiente e co benestar animal, mentres que os produtores demandan rendibilidade e comodidade.
Isto é posible grazas ás novas tecnoloxías, como a robótica ou a intelixencia artificial, que potencian a eficiencia das explotacións, incrementan a produtividade e melloran a calidade de vida. Ademais, son unha ferramenta fundamental para afrontar os retos medioambientais e de benestar animal que se lle están a esixir ao sector.
Durante o acto, destacouse que Galicia aposta pola innovación e que as explotacións galegas son unha referencia de modernidade para España e para outros países da contorna. Os proxectos que se presentarán ao longo das catro xornadas deste Foro son un exemplo dos retos que ten o sector para poder seguir esta senda innovadora e, ademais, favorecerán o impulso da remuda xeracional e a posta en valor da terra agraria, ademais de contribuír a facer fronte ao reto demográfico. Todo isto, salientouse, co obxectivo de amosar o rural galego como o que é, un territorio moderno e cheo de oportunidades para desenvolver proxectos vitais nel, polo que desde o Goberno galego apóianse todo tipo de iniciativas dirixidas a este fin.
Programa do V Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario
A segunda xornada deste foro terá lugar o 13 de marzo na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia (Pontevedra), adscrita á Axencia Galega da Calidade Alimentaria. No seu programa figura a presentación dun total de sete iniciativas, todas elas vinculadas coa viticultura e a enoloxía. Así, amosaranse proxectos sobre tratamentos fitosanitarios, cultivo sustentable do viñedo, produción de planta de vide resistente a determinadas enfermidades ou xestión de rega.
O 27 de marzo celebrarase a terceira sesión, neste caso no Pazo de Fontefiz, en Coles (Ourense), que acolle nas súas dependencias o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, institución da Xunta responsable da elaboración e desenvolvemento dos programas de conservación e fomento de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción. Nesta xornada haberá unha decena de proxectos, todos eles correspondentes á sección de agricultura.
Por último, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo (Lugo), acollerá a cuarta sesión, que versará sobre silvicultura. Será o vindeiro día 11 de abril e nela presentaranse un total de sete proxectos, entre eles os de desenvolvemento de elicitadores de defensa en castiñeiro do país e de mellora do cultivo da especie autóctona de sabugueiro para a obtención de extractos ricos en compostos bioactivos.
As persoas interesadas en participar nesta iniciativa poderán inscribirse a través do seguinte formulario: https://forms.gle/FYAPr2HGg1UX2xyW6. Por outra banda, aquelas persoas que queiran solicitar máis información poderán facelo no número de teléfono 981 54 66 61 ou no enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal.











