O Sergas publica a baremación definitiva e os aspirantes seleccionados para o acceso á condición de persoal estatutario fixo de enfermeiro especialista en saúde mental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se publica a baremación definitiva e as persoas aspirantes que resultaron seleccionadas no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o ingreso na condición de persoal estatutario fixo na categoría de enfermeiro especialista en saúde mental.

Ofértanse un total de 94 prazas mediante o sistema de concurso, das cales 65 corresponden á quenda de acceso libre, 24 a promoción interna e 5 a discapacidade xeral.

Estas 94 prazas engádense ás 31 prazas ofertadas no proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición (exame realizado o pasado mes de febreiro) e ás 2 prazas ofertadas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos.

Neste proceso selectivo resultaron admitidos 138 aspirantes, dos cales 131 accederon pola quenda de acceso libre, 3 pola de discapacidade xeral e 4 pola quenda de promoción interna.

Este proceso selectivo convocouse en aplicación a Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega.

As puntuacións definitivas obtidas polos aspirantes presentados ao proceso selectivo están publicadas, á disposición dos usuarios, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, cada aspirante poderá consultar o detalle da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo, no seu expediente electrónico persoal en FIDES/expedient-e/sección de procesos.

A media de idade das persoas admitidas neste proceso selectivo é de 37 anos e o 92 % son mulleres.

Presentación de documentación

Coa publicación desta resolución ábrese un prazo dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución (do 8 ao 21 de novembro), para que todas as persoas aspirantes que participaron no proceso presenten a seguinte documentación: declaración de non ter sido separado do servizo mediante expediente disciplinario de calquera servizo de saúde ou Administración pública, certificado médico e certificación do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos de non ter sido condenado por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual.

Os aspirantes que accederon pola quenda de discapacidade xeral, de ser o caso, deberán presentar ademais a documentación que acredite que seguen mantendo esta condición.

Co obxecto de facilitar a súa presentación, porase á disposición dos aspirantes, na páxina web do Servizo Galego de Saúde, no apartado de emprego público, os modelos de declaración e de autorización de consulta de datos no Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos.

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin de recursos.

7 de novembro de 2024 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.