Comezan a funcionar as novas salas de raios de Pontedeume e de Ortigueira

Visita do conselleiro de Sanidade
Desde hoxe xoves, 1 de agosto, están operativas as novas salas de Radioloxía de Pontedeume e de Ortigueira, que evitarán desprazamentos a Ferrol dos veciños de 11 concellos, beneficiando a máis de 43.000 persoas.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou esta semana, acompañado da delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, a nova sala de raios do centro de saúde de Pontedeume.
O servizo funcionará de 8 da mañá ás 3 da tarde, de luns a venres, desprazándose o técnico de Radioloxía os luns, mércores e venres ao centro de saúde de Pontedeume e os martes e xoves ao centro de saúde de Ortigueira.
As novas salas atenderán aos veciños de Ortigueira, Cariño, Mañón, Cedeira, As Pontes, Pontedeume, Cabanas, Monfero, A Capela, Ares e Mugardos.
A Xunta investiu preto de 200.000 euros na adquisición dos novos equipos radiolóxicos para Pontedeume e Ortigueira aos que se suman os máis de 126.000 euros que destinou ao acondicionamento das instalacións de ambos centros de saúde para poder acoller estes equipos.
Estes novos servizos enmárcanse no compromiso adquirido pola Xunta para fortalecer a atención primaria, aumentando a súa capacidade de resolución e mellorando o confort de pacientes e profesionais. Entre as melloras postas en marcha, destaca a renovación de 26 salas de raios e a creación doutras tres novas, a de Pontedeume, a de Ortigueira e a de Rianxo.
Para dar cobertura a estas dúas salas de atención radiolóxica a Xunta creou unha nova praza de técnico de Radioloxía na área sanitaria de Ferrol.
Aproveitando a creación destas novas salas, tamén se vai instalar o programa de intelixencia artificial como apoio diagnóstico a modo de iniciativa piloto, que xa existe no servizo de Urxencias do Hospital Universitario de Ferrol, e que será especificamente nos estudos de tórax e muscoloesquelético.











