A Xunta destina a contía máis elevada dos últimos cinco anos para impulsar no verán un total de 535 pequenas obras en 389 centros educativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaProvincias
A-
A+

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a Administración autonómica está a impulsar este verán un total de 535 pequenas obras de mellora en 389 centros educativos, cun investimento de preto de 12,5 M€, o que supón “o maior investimento nos últimos cinco anos” neste eido.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP deu conta ante o Consello da Xunta da planificación dos traballos que se estar a levar a cabo a través do novo Plan de benestar e accesibilidade na escola, Ben_Estar 2024, que, tal e como lembrou Rueda, abranguen “pequenas actuacións todas elas moi necesarias” como melloras en cubertas, aseos, ventás ou instalación de ascensores.

Todas estas obras están enfocadas a acadar un maior confort e sustentabilidade nas aulas, tal e como marca o Plan de nova arquitectura pedagóxica de Galicia, a folla de ruta en materia de mellora de infraestruturas educativas aprobada en 2021 cun investimento inicial de 191 M€ que foi ampliado ata os 243 M€ actuais. Tal e como sinalou o máximo responsable do Goberno galego, o obxectivo deste plan é “mellorar os centros escolares e convertelos en centros modernos, accesibles, e sustentables”.

Neste sentido, na provincia da Coruña lévanse a cabo 222 pequenas intervencións en 151 centros por un importe de preto de 4,3 M€, 105 actuacións en 78 centros da provincia de Lugo por 2 M€, 118 en 73 centros de Ourense por 2,8 M€ e 90 actuacións en 87 da provincia de Pontevedra que aglutinan preto de 3,4 M€.

Grandes actuacións durante todo o ano

Paralelamente, tal e como recordou o presidente da Xunta, de cara á renovación e mantemento dos centros de ensino públicos galegos para o curso 2024/25, a Administración autonómica está a realizar un total 139 obras de grande envergadura como ampliacións, rehabilitacións integrais e melloras de eficiencia enerxética que se atopan en distintas fases (xa en execución ou ben en fase de licitación ou de adxudicación), cun importe que acada os 71,3 M€ de investimento. Trátase de obra planificadas para todo o ano 2024, dado que o seu prazo de execución é de varios anos, pero que tamén van recibir un maior impulso durante a época estival, coincidindo co período non lectivo.

O conxunto das intervencións -entre grandes actuacións e pequenas obras de verán- chegan ao 50 % dos centros públicos que funcionan en Galicia entre escolas infantís, colexios, institutos e centros de FP. Por provincias, actúase en 210 centros da Coruña por un importe de 33,34 M€, en 100 centros de Lugo que suman 7,8 M€ de investimento, 86 de Ourense por un importe de case 8,3 M€ e 131 da provincia de Pontevedra por máis de 34,3 M€.

No que atinxe ás 139 grandes actuacións, son as que concentran a meirande parte do orzamento, cun investimento de 71,3 M€ en 138 centros educativos. Delas, 74 están xa en execución mentres que 42 están xa adxudicadas e pendentes de comezar e 23 en fase de licitación. Por provincias, 59 acométense na da Coruña (máis de 29 M€), 22 en Lugo (5,8 M€), 14 en Ourense (5,4 M€) e 44 en Pontevedra (preto de 31 M€).

29 de xullo de 2024 | 15:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.