A Xunta concede 167 novas axudas para a modernización e dixitalización das frotas de transporte de viaxeiros e de mercadorías cun investimento de 741.600€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaProvincias
A-
A+

A Xunta concedeu 167 axudas para a modernización e dixitalización das frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada, cun orzamento de 741.600 euros, segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia. Trátase das subvencións concedidas do 1 de marzo ao 30 de xuño deste ano, no marco da convocatoria lanzada en abril do 2023 e dirixida a autónomos e Pemes do sector, dotada con máis de 6,2 millóns de euros.

O obxectivo da iniciativa é incrementar a eficiencia destas empresas e do sistema de transporte por estrada, mediante a dixitalización, a sustentabilidade, a conectividade, a renovación dos sistemas e a introdución de novas tecnoloxías no sector.

Así, dentro das distintas categorías de solucións de modernización das empresas do sector, outorgáronse nesta cuarta quenda 165 axudas dirixidas á implantación de sistema de tacógrafo intelixente de segunda xeración. Das dúas axudas restantes, unha destinouse á integración de documentos de control electrónicos nos sistemas de xestión e outra á xestión de documentos de control electrónicos.

Unha vez ditada esta resolución de concesión da axuda, o beneficiario recibirá un cheque moderniza, pola contía correspondente á actuación para a que solicitou a axuda. No suposto de presentar dúas solicitudes para dúas categorías diferentes, recibirá dous cheques moderniza. O prazo máximo para a formalización dos Acordos de Prestación de Solucións de Modernización é de tres meses desde a notificación da resolución de concesión.

A medida impulsada pola Xunta enmárcanse no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

12 de xullo de 2024 | 14:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.