publicidade hoxe

A Xunta publica as normas que rexerán a execución do programa Leader no período 2023-2027

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -dependente da Consellería do Medio Rural- pola que se establecen as condicións e os obxectivos para garantir a idónea execución do Programa Leader para o período 2023-2027, así como as regras para a elaboración das estratexias e os criterios de puntuación referidos aos territorios correspondentes ás estratexias de desenvolvemento local que sexan seleccionadas.

No Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, o programa Leader contribúe a promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero -incluída a participación das mulleres na agricultura-, a inclusión social e o desenvolvemento local nas zonas rurais, entre elas a bioeconomía e a silvicultura sostible. Do mesmo xeito, dito programa atende á necesidade de asegurar e fomentar a implementación dun desenvolvemento endóxeno e a xeración de valor engadido asociado á metodoloxía participativa.

Así, con independencia do enfoque ou método de aplicación, o que se persegue con este Programa é contribuír a crear as condicións para facer das zonas rurais un lugar atractivo para a poboación e para as empresas. Para iso é preciso mellorar a capacidade destes territorios para xerar emprego e renda e, ao tempo, dotalos dos servizos públicos e infraestruturas precisos.

Por tanto, os protagonistas das actuacións serán tanto as administracións públicas que operan no territorio (Administración autonómica, Administracións locais) como os residentes nas áreas rurais, as súas entidades asociativas e, de modo especial para as iniciativas produtivas, as persoas interesadas en emprender e/ou consolidar proxectos empresariais no medio rural.
Tipos de proxectos subvencionables
Na resolución indícase que os proxectos que sexan subvencionados deben estar localizados no ámbito territorial do GDR, ser viables técnica e financeiramente (se son de natureza produtiva tamén deben ser viables economicamente), cumprir coa normativa sectorial aplicable, non estar iniciados no momento da presentación da solicitude de subvención, e ter encadramento na estratexia de desenvolvemento que aprobará cada GDR.

Considéranse proxectos produtivos aqueles investimentos que supoñan a creación, modernización ou ampliación de todo tipo de empresas que desenvolvan actividades non agrarias e supoñan unha actividade económica con fin lucrativo para a produción de bens e/ou servizos. Ao tempo, deberán conlevar a creación e/ou mantemento do nivel de emprego. A intensidade da axuda poderase situar nun mínimo do 15 % e nun máximo do 50 % do investimento total subvencionable, estando o importe de axuda limitado a un máximo de 200.000 euros.

Os proxectos non produtivos son aqueles que teñan un interese público ou colectivo e non supoñan o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica con finalidade lucrativa (dirixidos a entidades públicas e entidades privadas sen ánimo de lucro). A intensidade da axuda situarase entre un mínimo do 30 % e un máximo do 90 % do investimento total subvencionable, podéndose establecer diferentes categorías de prioridade. O importe de axuda estará tamén limitado a un máximo de 200.000 euros.

Por outra banda, o programa Leader debe prever a posibilidade de apoiar proxectos vinculados aos diferentes instrumentos establecidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, tanto a aqueles orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra -como son os polígonos agroforestais, as agrupacións e as actuacións de xestión conxunta e os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo- como a aqueles destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural, como son os plans de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo.

Bono activa rural

A presente resolución incorpora unha nova forma de fomentar o emprego no rural que ata o de agora non se contemplaba nos programas Leader anteriores. Deste xeito, os grupos poderán recoller nas súas respectivas estratexias a posibilidade de conceder unha axuda de ata 18.000 euros en dúas anualidades, coa obriga de manter a actividade durante polo menos cinco anos, a contar dende a data da alta censual.

Así, o Bono Activa Rural configúrase como unha subvención que se basea nun importe de axuda a tanto alzado destinado á creación e posta en marcha de actividades non agrícolas en zonas rurais. A axuda non estará vinculada á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón que se vincula ao mantemento da actividade e ao cumprimento do plan empresarial presentado pola persoa seleccionada durante un determinado período de tempo. Este plan empresarial deberá demostrar a viabilidade económica e técnica da empresa, apoiándose para iso nas condicións de mercado. Os proxectos que se beneficien desta modalidade de axuda concorrerán cos demais proxectos de natureza produtiva que se presenten ao abeiro das diferentes convocatorias.

As persoas beneficiarias desta tipoloxía de proxectos son as persoas físicas, que se dean de alta no réxime de traballadores autónomos e xeren unha actividade empresarial a título individual na que polo menos creen o seu posto de traballo, sempre e cando non estivesen dadas de alta no réxime de autónomos na mesma actividade para a que se solicita a axuda nos últimos tres anos e que opten por esta modalidade na correspondente solicitude.

10 de maio de 2023 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.