Conde avoga por un desenvolvemento do sector eólico planificado, garantista e cun impacto positivo no tecido produtivo
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, defendeu hoxe no Parlamento galego o modelo eólico da Xunta de Galicia que, segundo dixo, se basea na planificación, é garantista desde o punto de vista ambiental e busca un impacto positivo no tecido produtivo.
Conde compareceu esta mañá na Cámara galega a petición propia para explicar a situación e perspectivas de desenvolvemento do eólico en Galicia e salientou, así, que a Administración autonómica está actuando desde o equilibrio, a transparencia e de acordo ao plan sectorial eólico.
Segundo apuntou, neste momento Galicia ten en diferentes estadios de tramitación máis de 6000MW. Deles, engadiu, os proxectos actualmente autorizados ou en obras apenas representan o 15 por cento do total; é dicir, de cada sete parques que hai en proxecto en Galicia, un conta con autorización ou xa está en construción. Nese sentido, afirmou non entender expresións como ‘boom eólico’, posto que en Galicia a decisión de aprobar ou arquivar un parque depende exclusivamente do cumprimento da lexislación vixente. Así, precisou que, dos 77 proxectos (2200,3MW) que obtiveron DIA favorable no fito de xaneiro, xa se está tramitando a autorización de 60 deles.
Conde recalcou que, fronte ás incertezas xeradas polo decreto do Goberno, a Administración autonómica busca ofrecer a máxima seguridade xurídica aos promotores e, polo tanto, garantías de que o sector eólico en Galicia se desenvolve conforme á normativa e que só se aproban aqueles proxectos que se axustan á legalidade.
Vinculación á industria
Na súa intervención destacou que a Xunta de Galicia, anticipándose ás necesidades do tecido industrial, aposta por vincular a tramitación de proxectos eólicos á sinatura de contratos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA) que han de dar cobertura, polo menos, ao 50 por cento das necesidades enerxéticas das empresas beneficiarias. É o caso dos que asinaron Alcoa, Sentury Tire ou Resonac (antiga Showa Denko) vinculados a 13 parques de tramitación estatal dos que a Xunta declarou a súa excepcionalidade por estar fóra do Plan sectorial eólico.
Segundo dixo, no contexto actual, os contratos de compravenda de enerxía a longo prazo son unha salvagarda para a industria galega e, hoxe, as empresas electrointensivas, o sector da automoción e outros sectores industriais xa están negociando acordos coas diferentes promotoras eólicas grazas ao impulso que a Xunta de Galicia lle está dando a este tipo de iniciativas.
Por outra banda, tamén explicou que os parques eólicos poderán ser considerados Iniciativa Empresarial Prioritaria non só cando estean vinculados ao autoconsumo da industria galega senón, tamén, no caso de que supoñan un volume de investimento de 20 millóns de euros; que garantan a xeración ou consolidación de 25 postos de traballo directos; ou cando os promotores repercutan de maneira directa o 2,5% dos seus beneficios durante a vida útil do parque nas localidades en que se asentan.
Un modelo que chega ao local
Conde defendeu que o modelo eólico da Xunta de Galicia chega ao local porque promove a participación dos concellos e busca que lles achegue beneficios a través dos impostos locais, as rendas dos propietarios ou o canon eólico que, desde 2010, leva permitido recadar preto de 296 millóns de euros. Deles, 116 millóns, a través do Fondo de Compensación Ambiental, serviron para cofinanciar proxectos que levan a cabo os concellos a prol da biodiversidade, a recuperación da contorna ou a eficiencia enerxética.
En aras de dar a máxima transparencia a todo o proceso, destacou tamén que se impulsaran diferentes ferramentas para achegar información, de xeito accesible, aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas. Son: a rede de información provincial de proxectos eólicos, con 424 solicitudes atendidas; a guía informativa sobre a tramitación dun proxecto eólico; e a Oficina de información a propietarios de terreos, para facilitar coñecemento sobre métodos e criterios de valoración, así como a normativa aplicable para a clasificación e cualificación do solo, que atendeu 109 consultas.
Galicia, dixo, ten que ser un actor comprometido cos obxectivos de descarbonización da Unión Europea, recollidos na Axenda Enerxética de Galicia co fin de que, de cara ao 2030, o 85% da xeración eléctrica na Comunidade proceda de fontes renovables, se reduzan un 55% as emisións de gases de efecto invernadoiro, e melloremos un 40% a eficiencia enerxética no consumo final fomentando a cultura do aforro nos fogares e o tecido produtivo.
O vicepresidente económico concluíu facendo un chamamento ao consenso e ao diálogo das forzas parlamentarias para que Galicia non perda a oportunidade de impulsar as enerxías renovables cunha visión a longo prazo e un proxecto de país.