Clara Martín e Xulio Pardo de Neyra presentan en Ourense o poemario “Uterus siue uolua”
O Liceo de Ourense acolle este venres 7 de outubro, ás 20:00 h, a presentación do libro “Uterus siue uolua”, publicado por Edicións Fervenza con poemas de Xulio Pardo de Neyra e colaxes da ourensana Mª Cristalina López Rodríguez coñecida artisticamente e entre as amizades como “Clara Martín”.
No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, os autores estarán acompañados por Juan Ignacio Fonseca Moretón, do Liceo de Ourense; e tamén se contará co recitado dalgúns dos poemas da obra a cargo da artista ourensana Belén de Andrade.
A obra
Uterus siue uolua é un poemario ilustrado e un proxecto a catro mans, as de Xulio e as de Clara Martín, que idearon un libro para ler e para ver, para sentir, para descubrir e para vivir cos ollos e co corazón.
Componse dun total de 39 poemas e 30 colaxes analóxicos que dan forma, que poñen rostro, que debuxan unha chea de emocións íntimas, urxentes e intensas sempre coa ollada feminista, feminina e feminizada dun home e unha muller que xuntan forzas para mostrar que a paixón non ten xénero.
Clara Martín
Natural de Verín, esta escritora e colaxista ten varios libros publicados como narradora e tamén como dramaturga: Estado de Alarma, caixa de autor formada por contos e con ilustracións fotográficas de Plácido L. Rodríguez. De maza e canela, libro de contos escritos a partir de receitas da reposteira Teresa Fenollosa e coas ilustracións da artista Isabel Pintado. Esquecín dicirche adeus, así que adeus (Edicións Fervenza) e No esconderás un cadáver en el armario, ambos os dous son textos teatrais.
Na disciplina plástica traballa a técnica do colaxe analóxico ou manual centrando a súa obra na categoría de “femmage”, presente nesta obra que agora presenta e que dota de maior intensidade aos versos de Xulio Pardo de Neyra.
-Escritora e tamén ilustradora, en que faceta é máis doado crear?
Depende do día, hora e lugar. Gústame escribir con frío, néboa, chuvia, soidade ou estados gripais e encántame facer colaxe con sol, ruído, a gata amolando, con música de Tanxugueiras e o ruído da lavadora.
-A túa obra literaria conta con distintos galardóns pero, é o teatro o que move a túa pluma ou tamén es prolífera noutros xéneros?
Os recoñecementos foron en maior medida no ámbito narrativo (relato curto) quizais tamén porque hai máis convocatorias. O teatro, neste caso comedia, xurdiu como unha aventura incrible compartida ou máis ben alentada por un grupo de actrices e actores marabillosos que querían traballar con obras inéditas, áxiles, non moi extensas e libres en canto a autoría. En Edicións Fervenza atopei a editora que me publicase a miña obra Esquecín dicirche adeus, así que adeus.
-A adaptación teatral dun libro non sempre recolle o mesmo beneplácito na lectura que na representación. Que é máis complicado, chegar ao lector ou ao espectador?
Ao espectador dáselle todo feito, a imaxe, os xestos, as entoacións, a risa é contaxiosa, penso que ler comedia pódelle faltar algo de ambiente, pero gana en imaxinación, fas a obra ao teu gusto.
-Como comezas no mundo artístico e por que te especializas nas colaxes “femmage”?
Empezou sendo un recurso lúdico que se converteu en agasallos personalizados pero sen saír do ámbito privado ata que as redes sociais agromaron nas nosas vidas e o aburrimento da pandemia nos fixo mostrar ao mundo, nun afán de relacionarnos nese intre de limitacións sociais, as nosas creacións. Así foi como comecei a publicar fotografías das colaxes en Instagram ou Facebook, plataformas que che permiten conectar coa xente e saber as súas opinións. Ao ter un estilo moi visual conecta de xeito doado co observador.
Por outra banda son feminista. Na escrita, na plástica, no pensamento, nos actos… na vida. Non entendo outro xeito de pensar, facer, traballar ou crear. Femmage (xogo de palabras entre collage, hommage e femme) é un movemento artístico feminista que xurde nos anos 70 da man de Miriam Schapiro co gallo de recuperar e honrar o traballo creativo das mulleres de todas as culturas ao longo da historia. Seguir esa tendencia artística de visualización da muller tiña que ser parte do meu traballo, por principios.
-Os “femmage” naceron no século pasado e aínda hoxe segue vixente a súa necesidade. Por que aínda é precisa esta reivindicación? Avanzamos ou retrocedemos?
Non só é precisa, é imprescindible. Nin un paso atrás! Aínda hai que explicar que a definición de feminista é “principio de igualdade de dereitos entre o home e a muller”. Espero que non sexa un retroceso pero queda moito, moito para cumprir ese “principio de igualdade” con normalidade.
-Uterus siue uolua é un poemario “para vivir cos ollos e co corazón”. Que vai atopar nel o lector?
Estamos na era da imaxe. Este libro é un diálogo entre a cor e a forma coa palabra. Se a poesía, por si mesma, xa é un xeito de expresión de ideas, emocións, sentimentos baixo un prisma estético e fermoso, acompañado das imaxes pretendemos salientar esa sintonía, complementar a conversa, harmonizar o discurso poético. Espero que o conseguiramos.
-Este traballo realizouse durante a pandemia, como viviches esa experiencia do confinamento?
Merece unha reflexión o feito de que algúns precisaramos unha situación tan terrible nas nosas vidas para poder parar. A min, ese parar resultoume tremendamente positivo posto que parei de correr, intentar chegar a todo, estresarme con todo e, deixando a un lado o que significou a nivel social que foi brutal, tiven a sorte de desfrutar de tempo de calidade, só alterado pola inevitable incerteza que supón esa situación. Iso si, se algo se fixo evidente foi a desigualdade social. Depende en que lado te atopes, nos sans ou nos enfermos, en idade de risco ou non, apartamento interior de 40m ou casa con xardín, entre os que compren as regras ou os que as incumpren… quizais deberiamos aprender a vivir xuntos ou a sobrevivir xuntos.
-Este é un proxecto a “catro mans”, no que os teus colaxes se funden entre os versos de Xulio Pardo de Neyra pero como nace esta obra, esta colaboración?
Xulio e máis eu non nos coñeciamos. Foi a partir de mostrar eu o meu traballo en redes cando Xulio, tipo entusiasta onde os haxa, mostrou o seu afervoamento pola miña obra. Así foi como se puxo en contacto comigo e despois dun tempo propuxo a idea de sacar esta obra, que el xa tiña escrita, pero ilustrada con colaxes meus. Despois de ler o poemario faltoume tempo para empezar a crear.
-Asegurades que esta é unha obra para mostrar “que a paixón non ten xénero”…
E que alguén nos diga o contrario! É un titular que vexo moitas veces relacionado con deportes historicamente masculinos cando teñen intervención feminina. Cando chegará o momento en que iso non sexa só un titular.
-Cales son os teus proxectos futuros: teatro, literatura ou plástica?
Presento a finais do mes de outubro a expo de colaxes “As saias da Carolina” no Mur Marxinal (Ourense). Tamén nos próximos meses publicarase unha antoloxía no marco do Proxecto “Nómades” coordinado por Inma Doval no que participo cunha serie de poemas e colaxes. Sigo a escribir, sigo cortando e pegando e todo o que veña será benvido.
Xulio Pardo de Neyra
Natural de Lugo, é un ensaísta e creador galego que actualmente desprega unha actividade analítico-literaria case sen precedentes na nosa traxectoria editorial. Profesor da Universidade da Coruña, onde lecciona aulas de lingua e literatura galegas, é doutor tres veces, un caso único dentro das fronteiras do estado español: para alén de ter acadado o grao de doutor en Filoloxía Galega, tamén o é en Historia Contemporánea, en ambos casos pola Universidade de Santiago de Compostela; e é doutor europeo pola Universitat de València, agora en Didáctica da Lingua e a Literatura.
Leva publicados medio centenar de obras, para alén de moitos artigos de investigación en revistas especializadas. Ao seu taller pertencen ensaios sobre o vangardismo histórico na Galiza, a xestación da literatura infantil, estudos de didáctica en chave galega (algo rigorosamente inédito na nosa cultura), trobadorismo, republicanismo e pornografía literaria, ademais de ter publicado varios ensaios sobre historia social.
Ao seu destacado labor de investigación cómpre referir o seu labor de creación. E amais da primeira novela pornográfica da historia da literatura galega e dous volumes de relatos curtos, hai tempo que Pardo de Neyra ocupa un lugar como poeta: neste caso vendo a luz en destacadas revistas como INviable, Xistral ou Dorna; así como coa edición de tres poemarios durante 2021, O abecedario no país das alvarizas, A cor áspera do veludo e Manual cartográfico da resiliencia, textos polos que a crítica literaria o confirmou como unha das voces máis orixinais deste milenio. Neste sentido, a prologuista, a destacadísima profesora Dra. Kathleen March, así o sinala, proclamando a maiores a orixinalidade e a enteireza dunha colección lírica centrada no espectro da muller.
Edicións Fervenza xa lle publicou senllos traballos: Didáctica da lingua e da literatura galegas e Os rostros do frío, o primeiro e o único ensaio verdadeiramente centrado no ámbito da referida disciplina, e o segundo un groso volume moi celebrado pola crítica e o público en que, ademais dun discurso centrado no ámbito do feito cultural galego, se presentaban as primeiras imaxes fotográficas coñecidas, até o momento, na historia de Galicia.