publicidade hoxe

Ánxela Gracián presenta en Santiago o libro de poemas “Paisaxes de pan”

Portada de "Paisaxes de pan"

Portada de “Paisaxes de pan”

O Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela,acolle este mércores 19 de outubro, ás 20:00 h, a presentación do libro de poemas, “Paisaxes de pan”, publicado por Edicións Fervenza e da autoría de Ánxela Gracián.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, acompañarán á autora o profesor, escritor e prologuista do libro, Xesús Alonso Montero, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

A obra

Paisaxes de pan é unha autobiografía poética coa que autora, Ánxela Gracián, regresa á súa infancia rural, tan paradisíaca como elexíaca, recuperada aquí como lugar de resistencia. Coa memoria como liña condutora, a aldea e a casa recíbena de novo porque, como dicía Baudelaire, “no fondo todos estamos determinados pola nenez”.

Congregadas a carón do lume, recíbena todas as personaxes que un día a habitaron. Como voceira de todas elas, a avoa Anuncia refire historias de pan e mitoloxías de noso, que invocan a Muller da Gadaña, a néboa do Chamoso e certos paxaros agoirentos. Pola súa boca fala o mundo, transcendendo o que era oco e que existe porque ela o nomea de novo. Tamén vén ao noso encontro o Home do Saco, ensinando a desafiar o medo, para descifrar logo os signos da pedra e entrar así na desmemoria. Rodeando todo aquel mundo de paisaxes de pan, eríxese altiva e fachendosa a carballeira, símbolo da beleza suprema. Reino perdurable da infancia é este un poemario orixe das orixes.

Colaboracións

A publicación deste libro, editado por Edicións Fervenza contou coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Ánxela Gracián

Naceu na aldea de Gracián, Concello de Castroverde (Lugo). Estudou Filoloxía Galega en Santiago de Compostela e quedou a vivir na cidade de pedra, aínda que o seu concello permaneceu na súa memoria para sempre e a el volve sempre que pode porque é unha Ítaca cuxos camiños de regreso non se perderon. Escribiu a poesía a comezos dos 90, co ánimo dos vinte anos. Eran de amor, como non, eloxios a ese festival hormonal que é entón o corpo. Esqueceu aqueles versos inmaduros e tornouse tradutora e, dende entón, traballa no Servizo de Tradución da Xunta de Galicia. Tamén é tradutora literaria e deu voz en galego a grandes escritores e escritoras nacionais e internacionais que admira. Non abandonou nunca a escrita e os camiños levárona cara aos contos infantís e as novelas para mozos e mozas, que lle teñen dado moitas alegrías e algún premio. O medio rural foi, nos comezos, unha narrativa invisible que tivo unha importancia moi grande para ela, tanto a presenza de todos aqueles animais que cruzaba cada día e cos que “falaba”, como todas esas avoas contadoras, grandísimas bibliotecas da oralidade en tempos precarios.

Como o amor á poesía seguía aí, vinte anos despois, volveu coller a pluma para emborranchar palabras que novamente tiñan vontade de poemas. Así naceu e foi medrando o proxecto Paisaxes de pan, conxunto de estampas arremuiñadas arredor de imaxes que evocaban a súa infancia entre carballos, no bosque, lugar onde entón vivía aquela nena en cuxa tenrura e abraio aínda hoxe logra recoñecerse.

Entre as súas publicacións, destacan: Cos petos cheos de cinza, Nun lugar chamado Labirinto, Chis Chisgarabís, Pinga de Choiva, Camiño Solitario, As bolboretas douradas, Xoaniña rei-rei, Eu tamén fun peliqueiro de Laza, Aniceta, A toupiña cegarata, Doce cartas a María Victoria Moreno, Gombó e a viaxe á lagoa, Gombó e o medo á escuridade, As voces da auga ou Memoria iluminada, antesala poético-musical da man de Emilio Rúa deste Paisaxes de pan que agora se presenta.

18 de outubro de 2022 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.