A Xunta reforza o seu compromiso coa conservación da catedral de Santiago cun novo investimento de máis de 200.000€
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para financiar a restauración da capela do Cristo de Burgos, dentro do compromiso da Xunta por manter a conservación da basílica.
Como expresou o titular de Cultura da Xunta, as actuacións inclúense no Plan Catedrais, a folla de ruta que a Xunta ten en marcha nos grandes templos catedralicios para que afronten a década xacobea nas mellores condicións. Ao abeiro do acordo asinado hoxe, cun investimento superior aos 200.000 euros, amplíanse os traballos iniciados no ano 2009 no Plan Director. Nesta ocasión acometerase a terceira fase da restauración da capela do Cristo de Burgos, que xa foi obxecto de anteriores traballos.
En anteriores fases, corrixíronse aqueles efectos e axentes de deterioración máis graves. Principalmente realizouse a renovación, restauración e conservación dos sistemas construtivos máis afectados e con maior contacto coa nave maior catedralicia. As actuacións que se impulsarán agora centraranse na cúpula e na lanterna. “A nosa intención é seguir dando pasos na completa posta en valor do templo”, expresou Román Rodríguez.
Estes traballos súmanse a outros que a Xunta tamén impulsou recentemente con diferentes melloras na capela da Comuñón, que están a piques de rematar, neste caso, centradas nos seus paramentos exteriores. As dúas capelas están situadas acaroadas á fachada norte da nave maior, ocupando o espazo que separa a Catedral do Pazo Episcopal.
“Estas actuacións reforzan de novo os lazos coa Catedral de Santiago que permitiron, antes da celebración deste Ano Santo, reinaugurar o santuario 800 anos despois da súa construción iniciando o dobre Xacobeo coa meirande parte das obras xa rematadas”, indicou o conselleiro de Cultura. Cómpre destacar que os acordos da Xunta co Cabido e a Fundación Catedral súmanse aos máis de 17 millóns de euros comprometidos en 2015 polo Goberno do Estado.
Impacto económico
Neste sentido, Román Rodríguez recordou a importancia desta rehabilitación e ao seu impacto económico, que un estudo realizado por un equipo de investigación da Universidade de Santiago sobre a incidencia económica desta intervención que detecta un impacto directo durante a execución das obras físicas e tamén un impacto indirecto pola incidencia que a Catedral ten en ámbitos como o turismo. Estima un impacto en máis de 250 millóns de euros.
Destacou o papel central da Fundación Catedral de Santiago e o Cabido, ademais das administracións públicas e a sociedade civil a través de distintas institucións. “Foi un proceso con preto dunha vintena de actuacións de gran envergadura que, ademais do impacto estritamente patrimonial, tamén supuxo un importante retorno económico”, engadiu. Neste sentido, recordou que o informe calcula que, de xeito directo as obras da Catedral e do Pórtico da Gloria teñen un impacto directo moi superior á construción civil ordinaria debido ao emprego de profesionais de alta cualificación, desde restauradores, técnicos ou especialistas.
Se se fala de impacto indirecto e a actividade xerada ao seu redor, a cifra sitúase entre os 200M€ aos 244M€ en termos anuais. En suma, como indicou, o estudo estima un impacto económico global durante as obras de entre 250M€ e 300M€ anuais. “Un impacto que superou con creces as estimacións iniciais e que tivo un impacto positivo en toda a cadea de valor”, declarou.