publicidade hoxe

Rosalía Morlán presenta en Santiago o libro “Camelias de amor”

cartel camelias santiagoO Auditorio Abanca de Santiago de Compostela (Rúa do Preguntoiro, 23) acolle este venres 6 de maio, ás 20:00 h, a presentación do libro ilustrado Camelias de amor, da autoría de Rosalía Morlán e publicado por Edicións Fervenza.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, a autora estará acompañada do escritor, investigador e crítico literario, Armando Requeixo; da concelleira de Cultura do Concello de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón; do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; e da ilustradora do libro, Amalia López Brea “Luchi”.

Contarase ademais co acompañamento musical de Manoele de Felisa e o Coro de Habaneras Rocha Forte. 

A obra

Todos os poemas que integran Camelias de amor preséntanse en dous idiomas: galego e castelán e neles, Rosalía Morlán recompila un conxunto de poemas elaborados ao longo da súa vida e que, pese á súa aparencia romántica, son perfectamente extrapolables a calquera sentimento de amor e afecto no lector/a.

Camelias de amor é un libro de sentimentos onde a alma viaxa completamente espida a través dos versos e no que o amor aniña en cada palabra. Como beliscos no corazón dun amor que envolve toda a vida, nesta obra recompílanse diversos poemas elaborados pola autora dende o ano 1980 ata o 2020. Un camiño ao longo dos anos bailando entre camelias, baixo unha choiva de soños e unha néboa de esperanza. Asemade, a colaboración de Amalia López Brea “Luchi” coas súas ilustracións a toda cor proporciona maior beleza se cabe aos versos de Morlán.

A propia autora nos fai unha pequena valoración da súa obra e inspiración que recollemos a continuación:

Que che ofrece a poesía que non teñen o resto dos xéneros?

Sempre escribín poesía, dende os 10 anos, un pouco por necesidade, quizais porque durante moito tempo escribía só para min e a poesía era o que me enchía… inspirándome en todo o que me rodea, as experiencias vividas e os recordos, pero tamén o simple feito de observar a vida.

Algún elemento no que te inspires especialmente?

Moito ceo e moita noite. A noite dende ben pequena fascinoume, e con ela a lúa e as estrelas, por iso a lúa sempre me acompaña e percorre moitas veces os meus versos.

Como te sentiches cando escribías “Camelias de amor” e como valoras o resultado final?

Son poemas escritos dende o ano 1980 ata o 2020. Ademais dos propios sentimentos atópanse nel  vivencias, historias e sentimentos alleos dos que fun confidente. Tamén está neste poemario a amizade e o amor ao mar.  Foi ilusionante e reconfortante botar a vista atrás e recuperar versos adormecidos, así como ver nacer novas “camelias de amor”. O resultado final é un poemario empapado en soños e en amor. Poemas ilustrados dun xeito maxistral por esa mestra da cor que é a amiga Amalia López Brea, “Luchi”.

Por que en dous idiomas?

Porque os mesmos poemas o pedían, algúns naceron en castelán e outros en galego. Por iso quixen que todos tivesen o mesmo valor e forza, combinando os dous idiomas.

Como valoras a situación na que se atopa nestes momentos a poesía? E a poesía en galego en particular?

Penso que se escribe moita poesía e hai moitos escritores mozos cun xeito de escribir fresco e áxil. Hai moitos concursos e moitas publicacións, pero outra cousa é que se lea poesía. En Galicia creo que se está indo por un camiño fantástico que é o de achegar a poesía  ás escolas, aos máis pequenos.

Que proxectos tes de futuro?

Na cabeza teño moitos, pero haberá que deixar que vaian asentando e xa será o que sexa. Pero no que se refire á escrita, agora estou cun poemario infantil que fala da relación dun neno/a co seu avó, que padece Alzheimer, unha enfermidade que, por desgraza, coñecemos na miña familia.

Colaboracións

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración do Restaurante Enxebre Porta do Sol de Lamela, o Concello de Santiago, o Concello de Trazo e a secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

A autora

Rosalía Morlán Viéites (Trazo, A Coruña, 1959). Supervisora de enfermaría no Hospital de Conxo (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago). Profesora asociada de Ciencias da Saúde na Universidade de Santiago de Compostela.

Ten colaborado nas revistas Gemma, Clarín, La Peñorra, Acento e Promesas; asemade, os seus poemas forman parte da publicación Antología Clarín de Poesía, tomo II, da Editorial El Paisaje (1982).

Os seus traballos foron premiados en diferentes certames literarios: 1º premio (Cardo de Prata) na XIII edición da “Fiesta del Aquelarre Poético Hogueras de San Juan” (A Coruña) nos anos 1983, 1984, 1988 e 2001. Finalista do premio de poesía “Rosa de Oro”. Gañadora do V Premio de poesía sobre la mar “Brisa marina” (2011) e do premio “Hernán Esquío” de poesía en dúas ocasións (2012 e 2017) que convoca a SAF (Sociedad Artística Ferrolana). A coitada lúa (Ed. Fervenza, 2010) resultou finalista (mención de honra) do premio “Arume” de poesía (2009). Participou nas obras colectivas Libro dos Reis Magos (2012) e Cancioneiro do Camiño, libro-disco de Manoele de Felisa (2020).

Ten publicado: Estrelas de azucre (Ed. Fervenza, 2012), O libro do mundo dos soños (Técnicas & Gramaxe, 2013), O Castelo da Rocha Forte (Asoc. Cultural Rocha Forte, 2014), Canta a lúa coas estrelas (Ed. Fervenza, 2015), Nas rúas de Compostela (Ed. Fervenza, 2016) e O dragón Antón e o sapo Rosendo (Ed. Fervenza 2019).

A ilustradora

Amalia López Brea, “Luchi” (Silleda, 1968). Licenciada en Bioloxía e diplomada en Maxisterio é unha apaixonada da pintura. A súa obra abarca óleos, acuarelas, pasteis graxos, carboncillo e lapis de cor.

Participou con ilustracións en distintas publicacións tanto no campo musical como infantil e de adultos: no disco-libro Cantos para nenos e nenas de María do Ceo; Cartafol poético da Porta do Sol de Lamela; no poemario infantil Versos e bolboretas de Mónica Varela Gestoso (Ed. Fervenza, 2017); no disco-libro A Estrada da vida de Xosé Luna e Manoele de Felisa; no poemario Zapatos máxicos de Fernando González Graña (Ed. Fervenza, 2018); no poemario Un mundo quentiño de Mónica Varela Gestoso (Ed. Fervenza, 2018) e nos libros Un nobelo de luz de Charo Golmar (Ed. Fervenza, 2020) e O Naranxo no Trasmundo de Inma Vilariño Vázquez (Ed. Fervenza, 2020).

5 de maio de 2022 | 10:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.