A Xunta publica no portal de transparencia o decreto que regula as categorías estatutarias do Sergas no ámbito da biblioteconomía e documentación
A Xunta de Galicia vén de publicar, no Portal de Transparencia e Goberno aberto, o Proxecto de Decreto da Consellería de Sanidade polo que se regulan as categorías estatutarias do Servizo Galego de Saúde no ámbito da biblioteconomía e documentacion. Esas categorías son, a xa existente de bibliotecario, e a de nova creación, de técnico de grao medio en biblioteconomía e documentación. O decreto foi negociado na Mesa Sectorial do persoal das institucións sanitarias do Sergas e contou co voto favorable das organizacións sindicais.
Este decreto é unha medida máis de apoio, por parte da Consellería de Sanidade, á investigación e a docencia na sanidade pública de Galicia. Outras iniciativas a destacar que se están a levar a cabo neste eido son a creación das prazas de investigadores no ámbito estatutario, que serán obxecto de oferta de emprego e mellora das súas retribucións, con efectos de xaneiro deste ano.
Sinalar que as bibliotecas do Sergas, cuxo papel foi potenciado pola Consellería de Sanidade coa creación da biblioteca virtual (Bibliosaúde) no ano 2011, desenvolven a función esencial de difundir o coñecemento científico-técnico nas ciencias da saúde e poñen a disposición das persoas usuarias información relevante e actualizada para a toma de decisións na práctica clínica, a investigación e a xestión.
En correspondencia con ese relevante papel e na procura de impulsalo, Sanidade considera preciso dotar dun marco normativo propio, mediante este decreto, ao persoal estatutario con formación universitaria no ámbito da biblioteconomía e documentación.
A regulación contenida neste decreto resulta de aplicación ao persoal estatutario destas categorías que preste servizo no Sergas e nas entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo.
O decreto consta de seis artigos, recollendo as categorías do ámbito da biblioteconomía e documentación, o seu réxime xurídico, acceso, funcións e cadro de persoal.
O texto tamén ten dúas disposicións transitorias. A primeira regula o réxime de valoración dos servizos prestados, e a segunda ordena a situación do persoal temporal que desempeña esas funcións e ten a titulación precisa, dispoñendo que se realice o seu nomeamento temporal, coa finalidade de impulsar, de modo inmediato, o proceso de implantación de categorías.
Cómpre remarcar que a decisión de ordenar este persoal en dúas categorías atende á realidade actual do persoal con titulación superior que presta servizos nas bibliotecas, o cal accedeu ao emprego público con titulacións universitarias de diverso nivel, así como á conveniencia de seguir contando con persoal que asuma diferentes ámbitos funcionais a niveis de responsabilidade.
Titulacións para o acceso
Para acceder á categoría de bibliotecario como persoal estatutario fixo ou temporal será indispensable ter o titulo universitario oficial de licenciado en Documentación, graduado en Información e Documentación ou título universitario equivalente. Para acceder á categoría de técnico de grao medio, será indispensable estar en posesión do título universitario oficial de diplomado en Biblioteconomía e Documentación ou título universitario oficial equivalente, do mesmo nivel ou superior.
A selección do persoal temporal efectuarase polo procedemento que se estableza na Mesa Sectorial do persoal das institucións sanitarias do Sergas.
Os procesos de selección para acceder ás categorías, e os seus concursos de traslados, terán carácter periódico e programaranse en función da planificación eficiente das necesidades de recursos.
A oferta ou ofertas de emprego negociaranse na antedita Mesa Sectorial e o número de prazas que se convoque nos procesos de selección e concurso de traslados determinarase logo da negociación na Mesa.
Entre as funcións da categoría de bibliotecario está a de difundir o coñecemento científico nas ciencias da saúde a través de internet e reunir nun único sitio diferentes fontes de información, garantindo a calidade e a actualización continua. Son tamén funcións destes profesionais, poñer a disposicón das persoas usuarias información relevante para a toma de decisións na práctica clínica, na xestión, na docencia e a investigación; así como apoiar e colaborar na xestión do coñecemento, a innovación e a investigación da organización.
Pola súa parte, os técnicos de grao medio en bibloteconomía e documentación terán entre as súas funcións, xestiónar e manter coleccións bibliográficas, catalogar e clasificar os fondos bibliográficos e documentais, atender aos usuarios, ou a realización de información bibliográfica, entre outras.