publicidade hoxe

A Xunta estende o proceso de acreditación de competencias profesionais a todo o ano e a todas as familias profesionais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se regula o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral. Por primeira vez este proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación esténdese a todo o ano –é dicir, estará aberto de forma permanente– e a todas as familias profesionais. Tamén como novidade, desaparece o límite de prazas, polo que as persoas interesadas poden realizar tantas solicitudes como consideren, sempre que non soliciten acreditar unha unidade na que estea xa en proceso de avaliación para ese cidadán.

En Galicia poderán acreditarse as 1125 unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais que conforman os módulos dos ciclos de FP das 23 familias profesionais que se imparten no noso sistema educativo. O obxectivo é ir ampliando o abano de unidades de competencia dispoñibles para a súa acreditación, incorporando outras dispoñibles no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. O proceso desenvolverase, inicialmente, nos Centros Integrados de FP (CIFP), aínda que a previsión é ilo estendendo de xeito progresivo aos institutos que impartan ensinanzas de FP.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar a empregabilidade das persoas traballadoras e favorecer a súa formación ao longo da vida. Neste sentido, a posibilidade de acreditar determinadas unidades de competencia fomenta que as persoas adultas decidan matricularse en módulos de ciclos de FP –na modalidade presencial ou a distancia– para completar a súa cualificación profesional e mellorar as súas opcións laborais. Na ducia de convocatorias desenvolvidas desde o ano 2011, con 97.620 prazas, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade expediulle 42.225 acreditacións a 10.937 persoas.

Requerimentos

As persoas interesadas en participar neste proceso deberán ter 18 anos cumpridos e ter experiencia laboral ou formación relacionada coas competencias profesionais que desexen acreditar. Non poderán estar matriculadas nun ciclo de FP nin realizando Formación Profesional para o emprego conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia nas cales solicita a súa inscrición.
No caso de experiencia laboral, xustificaranse polo menos tres anos, cun mínimo de 2000 horas traballadas en total, nos últimos quince anos transcorridos antes da presentación da solicitude para unidades de competencia de nivel 2 e 3. Para as unidades de competencia de nivel 1 requiriranse como mínimo dous anos de experiencia laboral cun mínimo de 1200 horas traballadas en total.

No caso de formación, xustificaranse polo menos 200 horas para unidades de competencia de nivel 1 ou 300 horas para as unidades de competencia dos niveis 2 e 3, nos últimos dez anos.

A solicitude de participación no procedemento deberá presentarse por vía electrónica cubrindo previamente os datos no sistema de información Acreditación desde onde deberá xerarse o formulario normalizado que se presentará necesariamente na sede electrónica da Xunta de Galicia. Os interesados poden acudir a calquera centro público no que se imparta Formación Profesional para obter información ou axuda para completar o proceso de solicitude.

O procedemento manterase aberto con carácter permanente e o prazo máximo para resolver será de seis meses desde que a solicitude teña entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia.

Asesoramento

O sistema de avaliación mantense invariable respecto de convocatorias anteriores. As candidaturas serán avaliadas, en primeiro lugar, polos equipos de admisión de cada centro. De seren óptimas pasarán á fase de asesoramento, na que se informará sobre o Sistema nacional de cualificacións, o procedemento, as súas fases, as obrigas e dereitos das persoas candidatas, o proceso concreto de avaliación e acreditación e sobre os principais contidos das unidades de competencia correspondentes.

Así mesmo, realizarase unha entrevista persoal individual á persoa candidata para axudarlle a explicitar as competencias e aprendizaxes adquiridas, a responder ao cuestionario de autoavaliación, así como a ampliar a documentación acreditativa co fin de mellorar o historial profesional e formativo.
Finalmente, a persoa asesora elaborará un informe para incorporar ao expediente, que terá carácter orientador, onde se indicará de forma motivada se considera que hai ou non evidencias suficientemente xustificadas da competencia da persoa candidata en cada unha das unidades de competencia e a conveniencia de pasar ou non á fase de avaliación.

Avaliación e acreditación

A seguinte fase, de avaliación, terá por obxecto comprobar se a persoa candidata demostra a competencia profesional requirida nas realizacións profesionais, nos niveis establecidos nos criterios de realización e nunha situación de traballo, real ou simulada. Para iso, elaborarase un plan individualizado de avaliación. Rematada esta etapa, incluiranse no expediente os resultados da avaliación de cada unha das unidades de competencia e ditarase, de ser o caso, a proposta de acreditación.

Finalmente, na fase de acreditación, expediranse as acreditacións de unidades de competencia, que terán carácter oficial, con validez en todo o territorio do Estado español.

Servizos de información e orientación

As persoas interesadas en participar no procedemento poderán dirixirse aos departamentos de orientación dos centros integrados de Formación Profesional e os institutos de Formación Profesional de titularidade pública dependentes da Administración Educativa, onde lles facilitarán información e asesoramento para a formalización da solicitude.

As persoas candidatas poderán levar un seguimento continuado do seu expediente a través do sistema de información Acreditación.

16 de xuño de 2021 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.