publicidade hoxe

Preguntas frecuentes sobre a convocatoria de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia convocou por primeira vez, o pasado 13 de abril no Diario Oficial de Galicia, a Orde de axudas para emendar e corrixir máis de 300 impactos paisaxísticos nos concellos galegos, á que destina 1 millón de euros.

Trátase dunha nova liña de incentivos para que os cidadáns leven a cabo pequenas intervencións nas vivendas e inmobles da súa propiedade, co obxectivo de mellorar visualmente a edificación e evitar un punto de impacto na contorna na que se asentan.

Ao longo destas semanas, os cidadáns trasladaron unha serie de dúbidas sobre a mesma, que aclaramos a continuación.

Para que tipo de obras podo solicitar axudas?

O obxecto central é a corrección de impactos paisaxísticos existentes. De entre os varios posibles, seleccionáronse os que se consideraron máis destacables e que poden resolverse mediante obras sinxelas:

En fachadas:

-Revestir paredes medianeiras vistas.
-Revestir fachadas de ladrillo ou de bloque que non están revestidas, incluindo as que pos estar acabadas unicamente con cemento son tamén un impacto visual.
-Pintar fachadas que non están en bo estado e xeran impacto, ou que están rematadas en cores impactantes.

En cubertas:

Rematar con tella ou lousa (segundo o tradicional da zona) cubertas que actualmente están rematadas só con fibrocemento ou que, tendo tella ou lousa, se atopen en mal estado xerando un impacto visual.

En muros de peche de fincas:

-Rebaixar a altura de muros de máis de 1,50 metros para substituílos por rede metálica ou sebe vexetal.
-Revestir muros de bloques con pedra do país (a propia de cada zona) ou con recebado.
-Substituír celosía ou balaústres prefabricados por rede metálica ou sebe vexetal.

Como sei se a cor da miña construción é un impacto paisaxístico?

Considérase que a cor actual das fachadas é un impacto paisaxístico cando non está entre as cores recomendadas pola Guía de cor e materiais de Galicia para a grande área paisaxística na que se atopa a construción, nin tampouco está entre as tonalidades máis próximas ás que recolle a Guía.

É dicir, existe un impacto paisaxístico cando a cor das fachadas ten unha tonalidade ou unha intensidade claramente discordante coas gamas preferentes da Guía de cor e materiais. Así mesmo, existe cando non está rematada de pintar ou, estando pintada, está degradada.

Podo ter axuda para renovar fachadas ou cubertas que se atopan en mal estado?

Si, sempre que esa situación en mal estado sexa a causante dun impacto paisaxístico. Na convocatoria seleccionáronse os tipos de impactos paisaxísticos que se consideraron máis importantes, pero non se cobren as obras de mantemento ou conservación como tal, pero si cando exista un impacto paisaxístico.

Podo ter axuda para pintar unha fachada que só ten o revestimento de cemento?

Aínda que non está expresamente citado nas bases da convocatoria, unha fachada rematada en cemento pode non axustarse ás gamas de cor da Guía de cor e materiais de Galicia, polo que nese suposto si podería ser obxecto de subvención.

Podo ter axuda para construír novos peches ou valados de fincas?

Non. As axudas teñen por finalidade corrixir os muros existentes que constitúen un impacto paisaxístico.

Podo facer eu mesma a memoria técnica?

Si. A persoa promotora, se o desexa, pode elaborar a memoria, describindo as obras que pretende facer, os materiais e as cores que vai empregar, o custo e o prazo. Non é obrigatorio contratar a un profesional para elaborala.

Teño que ter o permiso do Concello? Cando?

Si. No caso de que se conceda a axuda, logo de recibir a notificación, débese solicitar o permiso ao Concello:

-Na maior parte dos casos tratarase de obras menores, polo que terá que realizarse unha comunicación previa.
-Se se tratase de obras maiores ou algún outro suposto equivalente, debe obterse a licenza municipal.
-En ambos casos, debe seguirse o procedemento habitual que aplica cada municipio.

Cando debo realizar as obras?

Logo de recibir a notificación de que se concede a axuda, e despois de ter o permiso municipal, pódese realizar o traballo ou ben contratalo cunha empresa especializada.

Débese ter en conta que o prazo máximo para xustificar o investimento remata o 31 de outubro de 2021, e polo tanto debe prever unha data de remate das obras con marxe de tempo suficiente.

Podo realizar eu mesma as obras?

Si, sempre que se trate de actuacións de pequena entidade e que non sexa preciso adoptar medidas especiais de seguridade nas obras. Por exemplo, para pintar unha fachada dunha planta, que non supera unha altura duns tres metros. Nestes casos debe sinalarse esta cuestión na memoria técnica, e a axuda só cobre o importe dos materiais e medios auxiliares.

12 de maio de 2021 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.