publicidade hoxe

A Xunta porá en marcha unha nova sede electrónica centrada nos servizos aos cidadáns

A directora da Amtega na inauguración do seminario

A directora da Amtega na inauguración do seminario

A Xunta porá en marcha no primeiro trimestre deste ano unha nova sede electrónica, centrada nos servizos ao cidadán, adaptada a un mellor uso dende dispositivos móbiles e con posibilidades de personalización en función do perfil do cidadán ou empresa. Este foi un dos obxectivos que destacou a directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na inauguración esta mañá do Seminario “Modernización Dixital das Administracións Públicas en Galicia” no que tamén participou directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa.

Mar Pereira sinalou que Galicia vén traballando na transformación dixital da Administración desde o ano 2010 cun Plan de Modernización que permitiu á Comunidade chegar á entrada en vigor das novas leis estatais 39 e 40/2015 coas principais pezas dunha administración integramente dixital en marcha e adiantarse, incluso, a algunhas das esixencias que estaban marcadas para 2018. É o caso do Arquivo Electrónico ou da posta en marcha da dixitalización do Rexistros Xeral e das Delegacións provinciais da Xunta.

A máxima responsable da política tecnolóxica da Xunta lembrou hoxe que o Goberno galego iniciou o pasado a elaboración da Lei de Administración dixital de Galicia, que se prevé aprobar en 2018 e que dotará á Comunidade dun marco normativo único que eliminará a dispersión normativa existente, potenciará un novo modelo de complementariedade entre administracións e permitirá ofrecer nunha maior eficacia, eficiencia e simplificación dos procedementos.

Entre as medias máis inmediatas do Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020, a directora da Amtega sinalou o inicio da reformulación das Oficinas de rexistro como oficinas de atención, que facilitarán a relación de cidadán e empresas coa administración a través dos medios dixitais; a posta en marcha a figura do funcionario habilitado e o rexistro de apoderamentos, que posibilitarán a autorización dunha persoa ou funcionario para realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa.

Dixitalización no eido do Mar

Ademais, a xornada contou coa participación da directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, que falou da modernización dixital no eido do mar e do traballo da plataforma tecnolóxica da pesca, un proxecto da Xunta que se materializa na web pescadegalicia.gal e que facilita ferramentas de xestión ao sector e información sobre o eido marítimo-pesqueiro.

Neste sentido, a directora xeral explicou que a plataforma ofrece unha serie de servizos aos sectores produtivos e comercializadores, para servirlles de apoio na xestión dos recursos pesqueiros e na súa rastrexabilidade, en concordancia coas esixencias legais existentes. Ademais, este espazo inclúe datos do rexistro de buques pesqueiros, estatísticas de pesca fresca en Galicia, de acuicultura e outra información de interese sobre o sector e para o sector como os tamaños mínimos autorizados para a extracción de especies ou o calendario de mareas.

Outro proxecto da Consellería do Mar que destacou a directora xeral é o dos caixeiros automáticos Ticpesc, instalados nos portos pesqueiros e que permiten ao sector realizar diversas xestións e consultas relacionadas coa súa actividade as 24 horas do día durante os 365 días do ano. A través destes caixeiros, sinalou Mercedes Rodríguez, no 2017 o sector emitiu preto de 66.800 documentos da actividade pesqueira (documentos de transporte, de orixe e de rexistro, entre outros).

16 de xaneiro de 2018 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.