publicidade hoxe

A Xunta difunde entre a comunidade universitaria de Lugo a Guía de prevención de riscos laborais nos laboratorios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Lugo nunha xornada para difundir entre a comunidade universitaria a guía de prevención de riscos laborais nos laboratorios elaborada polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA). A publicación, que conta con 5.500 exemplares en galego, castelán e inglés, pretende fomentar prácticas de traballo seguras neste campo, en particular e, principalmente, no ámbito universitario e nos centros dependentes da Administración autonómica, e tamén nos servizos de prevención, asociacións, sociedades, colectivos de farmacéuticos, médicos, químicos e biólogos.

Toca destacou na xornada, na que asistiron máis de 300 persoas, que a loita contra a sinistralidade laboral é unha prioridade para o Goberno galego. Por iso, salientou que a Xunta aumentou para este ano os orzamentos do ISSGA, que crecen un 6% para seguir impulsando a prevención de riscos laborais e, polo tanto, para mellorar as condicións dos traballadores e traballadoras de Galicia.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria conta, así, con 7,5 millóns de euros para potenciar neste eido a calidade no emprego: o ISSGA, que dispón de máis dun cento de profesionais especializados neste ámbito, conta con 6 millóns de euros, aos que se suman os 1,5 millóns en axudas da Secretaria Xeral de Emprego para proxectos de prevención de riscos laborais.

A secretaria xeral sinalou que o obxectivo é dar un pulo ás políticas e medidas encamiñadas á prevención e dar resposta ás demandas do tecido empresarial galego coa participación no deseño das actuacións dos axentes sociais e económicos. Indicou, ao respecto, que a prevención de riscos laborais ten que ser “unha actuación de todos”.

Toca detallou, así mesmo, que a Xunta está ultimando a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017-2020, unha folla de ruta que está enmarcada na Axenda 20 para o Emprego e incidiu na importancia de acadar “unha verdadeira implantación da prevención dos riscos laborais nos centros de traballo” facéndoa extensiva a toda a sociedade.

30 de marzo de 2017 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.