Ourense conta con tres espazos-imán cos que impulsar e dinamizar o patrimonio natural da contorna máis próxima
A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, explicou esta mañá en rolda de prensa que a provincia de Ourense conta con tres espazos-imán identificados no Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia elaborado pola Xunta. Ana Díaz avanzou que o obxectivo co que se traballa é que estes espazos se transformen nun atractivo para impulsar e dinamizar o patrimonio natural da súa contorna máis próxima.
A directora xeral, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presentou este plan de promoción, no que se identifican un total de 17 espazos imán en Galicia. Concretamente, trátase de enclaves que destacan polo seu alto valor patrimonial e por ser os espazos naturais máis coñecidos e recoñecidos polos galegos e polas persoas que visitan Galicia.
Na súa intervención, Ana Díaz fixo fincapé en que a provincia de Ourense ten a “sorte” de acoller tres dos 17 espazos cos que conta Galicia, como son a Serra do Xurés, O Invernadoiro e a Serra de Enciña Lastra. Estes enclaves ofrecen a quen os visita a oportunidade de gozar dunha experiencia turística dende un punto de vista sostible, combinando a observación da natureza co deporte activo, a historia e co patrimonio material e inmaterial. En definitiva, a directora xeral engadiu que estes espazos-imán contan co atractivo capaz de captar o interese dos visitantes cara a outros lugares da súa contorna máis próxima.
O Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural conta con tres eixes de actuación: a posta en valor do patrimonio natural, a promoción e comunicación do patrimonio, a través de feiras e elaboración de paquetes turísticos, e a educación ambiental e divulgación dos recursos naturais de Galicia. Trátase dun plan que se vai desenvolver ao longo dos vindeiros catro anos, que conta con 4 millóns de euros e que permitirá levar a cabo 29 actuacións distintas. O plan tamén integra unha nova imaxe de marca baixo o lema: “Galicia, natural e única”.
Entre os espazos-imán identificados no plan destacan os seis parques naturais (Fragas do Eume, Complexo Dunar de Corrubedo e as Lagoas de Vixán e Carregal, Monte Aloia, Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro e Serra de Enciña da Lastra), o Monumento Natural da Praia das Catedrais, dous espazos da Rede Natura (Carnota-Monte Pindo e a Ribeira Sacra e Canóns do Sil) e as seis reservas da biosfera (os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, o Río Eo, Oscos e Terras de Burón, a Área de Allariz, as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, as Terras do Miño e a tranfronteiriza do Xurés-Gerês, e recentemente o Courel).
O obxectivo desta medida é aproveitar o recoñecemento e popularidade destes espazos para convertelos en elementos de atracción de visitantes cara outros enclaves, creando sinerxías entre os diferentes espazos.
Información actualizada a través da web
Unha das novidades que recolle este plan é a posta en marcha da primeira plataforma web da Rede de Parques Naturais de Galicia (parquesnaturais.xunta.gal), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Con esta páxina búscase ofrecer ás persoas que visitan os parques toda a información para gozar e sacar o máximo proveito da súa visita.
A web inclúe información práctica sobre como chegar, as visitas e rutas que poden realizar unha vez que estean nos parques, ou os servizos cos que alí se van atopar. En definitiva, facilita o acceso á información e valoriza estes espazos e a súa contorna.
Tamén se realizou unha renovación da aplicación para dispositivos móbiles, que agora contén información máis actualizada e accesible, tanto dos valores dos parques como dos recursos que se atopan nos mesmos, e establece enlaces cos servizos de información de concellos e mancomunidades da súa área de influencia. Esta app tamén se ampliará para incluír o conxunto de espazos protexidos da Comunidade, ao tempo que se fomentará a presenza nas redes sociais do patrimonio natural e o uso desta canle como ferramenta de promoción e valorización.











