Deputación da Coruña e USC colaboran para investigar novos métodos de erradicación da vespa velutina
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño Rey, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a investigación de novos métodos para a contención e control da praga da vespa velutina, a realización dunha cartografía da súa distribución na provincia e a avaliación do impacto socioeconómico desta praga.
A sinatura tivo lugar esta mañá na sede da institución provincial, e contou tamén coa participación da vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, e o portavoz de Alternativa dos Veciños e alcalde Oleiros, Ángel García Seoane, un dos promotores desta iniciativa.
Mediante esta colaboración, a Deputación financia con máis de 137.000 euros un equipo multidisciplinar, no que participarán investigadores dos departamentos de Anatomía Patolóxica, Química Orgánica, Edafoloxía e Química agrícola, Economía Aplicada e I+D+i da USC.
Valentín González Formoso explicou que, a través desta iniciativa, a Deputación pretende impulsar “unha estratexia conxunta e efectiva de loita contra esta especie invasora, na que colaboren outras asociacións e entidades implicadas”, como a administración autonómica, as restantes deputacións e universidades galegas ou as asociacións apícolas.
“O obxectivo é aplicar o coñecemento científico da Universidade para resolver un problema que non só afecta á provincia da Coruña, senón a toda Galicia e a España en xeral”, anunciou o presidente da Deputación, aludindo ao impacto medioambiental, económico e de saúde pública que a expansión da vespa velutina xa está ocasionando. Neste sentido, afirmou que a praga “supón o 6% das saídas de emerxencias en Galicia”.
Compromiso coa investigación universitaria
O presidente provincial destacou o valor engadido en materia de investigación e desenvolvemento que aporta a Universidade para “non conformarnos con retirar niños de velutina, senón ir máis aló e buscar unha solución definitiva á praga”. Valentín González Formoso agradeceu a dispoñibilidade da Universidade de Santiago e anunciou que a colaboración poderá continuar nun futuro. “Se é necesario máis apoio, estou seguro de que contaremos coa aprobación da corporación provincial”, afirmou.
O reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño Rey, destacou que se trata dun proxecto único, que indagará en “solucións que aínda non se están investigando no mundo para loitar contra as especies invasoras, que supoñen a segunda causa de perda da biodiversidade a nivel global”.
O reitor lembrou que este convenio ten a súa orixe na “primeira visita protocolaria do presidente provincial á Universidade de Santiago, poucos días despois da toma de posesión” e agradeceu “o interese e a confianza na Universidade” amosada por Valentín González Formoso, e pola Deputación en xeral, “coa que mantemos unha longa tradición de colaboración en eidos coma o emprego, a cultura ou o deporte”.
A estes agradecementos tamén se uniu a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, quen afirmou que “grazas á colaboración da Deputación, acendeuse a primeira chama para iniciar as investigacións e establecer redes e contactos con outras universidades a nivel mundial”.
Pola súa banda, o portavoz de Alternativa dos Veciños e alcalde Oleiros, Ángel García Seoane, destacou a “sensibilidade especial” do presidente provincial, que “non dubidou en apoiar á iniciativa desde o momento en que se presentou”, e manifestou a súa confianza na Deputación “para seguir desenvolvendo políticas que afectan aos cidadáns, á economía e ao noso país”.
Alternativas de loita biolóxica
O grupo estudará estratexias alternativas de loita biolóxica contra a especie invasora, fundamentadas na hipotética vulnerabilidade da vespa velutina a determinados parasitos autóctonos dos himenópteros galegos.
A información obtida permitirá estimar a diversidade e abundancia de parasitos en diferentes especies de avespas e abellas e identificar se algún puidera ser patóxeno para a especie invasora e, polo tanto, susceptible de ser empregado para debilitar ou eliminar estas colonias. Unha ferramenta biolóxica desta natureza tería a grande vantaxe de non supor un perigo biolóxico para o resto da fauna galega, ao tratarse de organismos xa presentes no medioambiente.
A creación dunha cartografía da distribución espacial desta especie invasora facilitará tamén as actuacións de prevención e erradicación, ao permitir focalizar os esforzos nas área xeográficas con maior risco. Ademais, esta información permitirá crear modelos estatísticos da evolución potencial da praga e da súa distribución baixo diferentes escenarios de cambio climático.
O estudo incluirá tamén unha avaliación do impacto socioeconómico da praga, cunha análise custo-beneficio das medidas propostas en comparación con beneficios atribuíbles ao seu uso.











