A Deputación da Coruña destaca a importancia social e económica da pesca na provincia
O deputado responsable da área de Promoción Económica e Emprego da Deputación da Coruña, José Luis García, destacou hoxe “a gran importancia social e económica do sector pesqueiro” na provincia da Coruña, que concentra o 53% da pesca fresca galega, cunha facturación anual superior aos 173 millóns de euros, e da emprego directo a 10.000 coruñeses e coruñesas.
“Aínda que a Deputación carece de competencias en materia de pesca, somos moi conscientes de que se trata dun sector clave, estratéxico para o desenvolvemento social e económico da nosa provincia; por iso este ano destinamos máis de 470.000 euros a subvencionar as actividades e investimentos de 32 confrarías de pescadores da provincia, axudándoas a sufragar os seus gastos de persoal, a modernización das súas instalacións e dos seus pocesos de comercialización”, apuntou García, que resaltou que este investimento “contribúe a reafirmar o papel do sector pesqueiro como motor de riqueza e emprego” na provincia.
Referente internacional na xestión de recursos do mar
García xustificou a colaboración da Deputación neste congreso “porque confiamos nas posibilidades do sector pesqueiro coruñés para converterse nun referente internacional na xestión sostible dos recursos do mar”.
José Luis García realizou estas afirmacións durante o acto de inauguración do IV Congreso de Sostibilidade Social e Económica do Sector Pesqueiro, no que participaron tamén o director xeral de Ordenación Pesqueira, Carlos Larrañaga Ces, o director xeral de Pesca e Acuicultura da Xunta, Juan C. Maneiro, o director executivo da Axencia Europea de Control de Pesca, Pascal Savouret, o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, e o presidente de FREMSS, Severino Ares.
Durante a xornada, un centenar de profesionais e expertos debaterán sobre cuestións vitais para o sector como a xestión dos stocks, os modelos de pesca sostible e a incorporación de novos modelos de xestión pesqueira.











